Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado na Casa do Concello o servizo de transporte adaptado

21/11/2006

O Concello de Tui e COGAMI asinaron un contrato para a prestación do servizo de transporte adaptado

Onte ao mediodía tivo lugar no Concello de Tui a sinatura dun contrato entre o propio Concello e a COGAMI, a Confederación Galega de Minisválidos, para prestar o servizo de transporte adaptado no municipio. A iniciativa enmárcase no programa ANTA e conta cunha subvención da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de 40 mil euros, facéndose o Concello cargo dos 6 mil euros restantes do custe do servizo.

O obxectivo deste servizo, que hoxe mesmo comezará a funcionar, é prestar as persoas con minusvalías ou discapacidades un servizo de transporte que lles axude a normalizar a súa vida, ben para cursar estudos, facer compras ou acudir a espectáculos. O servizo estará activo oito horas cada día. Para beneficiarse do mesmo o requisito que hai que cumprir é cumprimentar a folla de solicitude que está a dispor dos interesados no departamento de Servizos Sociais. En Tui calcúlase que o número de usuarios potenciais é de 500. Para prestar o servizo contase cunha furgoneta adaptada con capacidade para nove persoas, cinco cadeiras de rodas máis o condutor e acompañante.

Na sinatura do contrato o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, destacou que esta é “unha boa iniciativa que esperemos teña continuidade no futuro” engadindo que “este era un servizo que viña demandando moita xente sobre todo os responsables de Vontade”. Fernández Rocha tamén destacou que sen esta asociación e o seu traballo seguramente non se tería avanzado tanto.

Pola súa parte José Manuel González Freiría, Concelleiro de Servizos Sociais, lembrou coma dende sempre unha das preocupacións do seu departamento foi a eliminación de barreiras para os discapacitados, materia na que se avanzou cos proxectos executados nalgunhas rúas, no Paseo Fluvial, e mesmo na Casa do Concello. Engadía que coa sinatura deste contrato para transporte adaptado dase un paso máis na eliminación de barreiras.

Por último Anxo Queiruga, Vicepresidente de Cogami, deu os seus parabéns ao Concello de Tui porque dicía que este transporte vai ser un “gran paso” para contribuír á normalización das persoas dependentes. Ao tempo tamén agradeceu o traballo realizado por Vontade.

Tomado de www.galiciasuroeste.info