Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentada a programación cultural do primeiro semestre de 2011 do Concello de Tui

2/02/2011

A programación do primeiro semestre de 2011 ten un orzamento de 100 mil euros

Arranca este venres da man de Teatro do Atlántico

Inclúe a actividade no Teatro e outros eventos como o 125 aniversario da Ponte Internacional

 

 

Mércores, 2 de febreiro de 2011.Este venres, 4 de febreiro, arranca a programación correspondente ao primeiro semestre do ano no Teatro Municipal de Tui. Un total de dez espectáculos, de calidade, de variedade de xénero e dirixidos a todas as idades, serán os que poidan disfrutar ata finais de maio. Estes eventos xunto a outras actividades que conforman o groso da programación organizada pola Concellería de Cultura é a que se recolle nun novo número da Axenda Cultural “Corredoira”.  O orzamento total deste eventos ascende a 100 mil euros aportados polo Concello de Tui.

 

A presentación destas actividades e da Axenda “Corredoira” tivo lugar esta mañá na Casa do Concello a cargo do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

Nesa presentación o Concelleiro de Cultura destacaba a súa satisfacción porque Tui “siga sendo un referente cultural” a engadía que “a cultura é investimento rendible”.  Por outra referíase a traxectoria marcada polo Teatro Municipal dende que entrou en funcionamento hai oito anos, cunha clara aposta pola calidade, estabilidade e a continuidade, a na que se logrou a fidelidade do público, xa que dicía é unha programación que se fai “por e para o público”. Do mesmo xeito puña de relevo que o ano pasado o 45% das entradas para os espectáculos foron vendidos por internet dende a web www.culturatui.info.

 

Pola súa parte o Alcalde de Tui felicitou ao departamento de Cultura por lograr unha programación que nada ten que envexar á do ano pasado pese a ter reducido en 20 mil a súa partida orzamentaria. Nese senso dicía que a experiencia adquirida axuda para manter unha programación de calidade.  E nese senso apuntaba que dende hai moitos anos “a programación cultural do Concello sufriu un cambio que notamos os tudense e os de fóra” sen que teñamos que “envexar nada a ninguén”. Lembraba nese senso que o Teatro Municipal é o segundo no número de espectadores da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

 

No que se refire á programación do Teatro Municipal son un total de dez os espectáculos previstos entre febreiro e maio mantendo a aposta pola estabilidade e continuidade nestas actividades. O orzamento destes actos ascende a 42 mil euros dos que o Concello de Tui o 35% (15 mil €).

 

Compre destacar nos espectáculos programados a presenza unha vez máis do Centro Dramático Galego que volve apostar por Tui para representar a súa última montaxe “Salomé”. Amais Teatro do Atlántico celebra os seus 25 anos na escena galega cunha emocionante representación que este venres abre a programación.  Pero compre salientar tamén a estrea de novas compañías no Teatro Municipal coma é o caso de Producións Teatrais Excéntricas, Elefante Elegante ou Abrapalabra Creacións Escénicas con Cándido Pazó. Esta última coincidindo cos 50 anos da impresión de “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas achega un espectáculo baseado neste texto.

 

Os cativos teñen tamén un importe oco da man de Ghazafelhos, Sarabela Teatro,  O retrete de Dorian Gray e Arteestudio  que conxungan unha oferta interesante a altura do público máis esixente.

 

Amais a música terá un oco destacado co Festival de Bandas de Música  da zona Sur que chega  a Tui baixo a organización da Deputación  de Pontevedra, que volve apostar pola cidade para este gran evento.

 

A Axenda Cultural Corredoira tamén recolle outros eventos como o Entroido, os actos conmemorativos do 125 aniversario da vella Ponte Internacional, as actividades organizadas polo Concello dentro das Festas de San Telmo, e as tradicionais feiras de Artesanía e do Libro.  Igualmente ofrece información sobre a actividade programada na Sala de Exposición e no seu anexo así como na Biblioteca Municipal.

 

Toda esta programación difúndese e promocionase a través da Axenda Cultural Corredoira da que se editan  15 mil exemplares dos que 11 mil son distribuídos en fogares de Tui e Valença do Miño e os 4 mil restantes en espazos públicos.  A esta difusión contribúe tamén os carteis e folletos que se distribuirán de cada espectáculo, con proxeccións audiovisuais na billeteira, e no Servizo de Información ao público no correo electrónico, así coma na web www.culturatui.info, con cuñas radiofónicas e cun valo mensual.

 

Compre destacar tamén que nesta edición apostouse por innovar no formato da Axenda Cultural Corredoira de tal xeito que despregada en vertical ten forma de cartel, e na que as cores vivas son sinónimo de vitalidade e vivacidade, ao igual que a programación prevista.

 

Dende o Concello de Tui quérese agradecer a colaboración do AGADIC-CDG, do Xacobeo e da Deputación de Pontevedra na organización desta programación, así como dos medios de comunicación na súa difusión.