Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentación de "Play-doc, IV Festival Internacional de Documentais de Tui"

11/03/2008

O Concelleiro de Cultura destaca a Play-Doc coma a cita máis importante do ano en Tui

Celebrarase do 12 ao 16 de marzo na Área Panorámica con 24 proxeccións 

Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui “é a cita cultural máis importante do ano en Tui” adquirindo transcendencia mundial. Así de rotundo se expresaba esta mañá na presentación da cuarta edición do Festival Moisés Rodríguez, o Concelleiro de Cultura tudense, quen puña de manifesto o orgullo de que este evento teña á cidade coma sede. Ao tempo destacaba aposta do seu departamento por este festival cualificándoa coma “un investimento moi rendible”. 

Xunto a el estiveron ante os medios de comunicación os directores de Play-Doc, Sara García e Ángel Sánchez, que foron os responsables de dar conta dos pormenores do Festival cando xa está todo listo para o seu comezo na tarde deste mércores.  Sara García explicou que “o festival tivo un crecemento moi interesante” ao tempo que avanzou que nesta cuarta edición se inclúen apartados novidosos, así coma a presenza do realizador independente Lech Kowalski ou  a sección dedicada á Violencia da Xénero, coa que dicía “nos comprometemos coa realidade”.

Sara García amosa tamén a satisfacción que teñen pola repercusión que festival está a ter, pola programación deste ano, e polo xurado integrado por profesionais internacionais de primeiro nivel. Os responsables de outorgar os premios, nos que se van repartir 9 mil euros, serán Marta Andreu da Universidade Pompeu Fraba de Barcelona, Jaime Nieves, coordenado re programador do Festival Internacional Black&White, Jaime Pena, membro do comité de redacción de Cahiers du Cinéma-España, Karolina Bendera, realizadora polaca independente cunha estreita vinculación á TV pública, e Carlos Jerónimo, produtor executivo de programas culturais en TVE. Xunto a eles están os galegos Daniel Domínguez, Eduardo Galán Blanco e Pepe Coira, que repiten presenza no xurado de Play-Doc.  

Sara García resaltou tamén a presenza no Festival de seis documentais galegas, catro que optan a concurso na sección de producións ou co-producións galegas coma son Pic-Nic de Eloy Enciso, Radio La Colifata de Carlos Larrondo, Memoria de Camposancos de Jose Ballesta e Miguel Anxo Fernández e Destino á festa de Jorge Algora. Fóra de concurso están as Que pareza un accidente de Mikel Clemente sobre os 25 anos de Siniestro Total e Nacional VI de Pela del Álamo. Ángel Sánchez, director tamén de Play-Doc, explicou que “o Festival deu un paso adiante apostando por un cine cada vez máis independente” e engadía que “entendemos que o público do Festival cada vez estase a facer máis especialista, o que nos agrada”. Este feito manifestaba que “da valor a programar certo de tipo de películas que no primeiro festival non nos atreviamos coma o caso de Lech Kowalski”.  

Quixo deixar constancia do compromiso que Play-Doc segue mantendo cos novos realizadores tanto ao través de Play-Avid Doc, coma coa produción de “Nacional VI” de Pela del Álamos co que sinalaba “Play-Doc está máis aló de mostrar cine e está involucrándose en xerar cine”.  

Por outra parte Ángel Sánchez resaltaba “o aspecto cultural, turístico e de internacionalización de Tui e de Galicia ao través de Play-Doc” que vai máis aló de ser un festival pechado de cine, senón que “nos traslada a outras propostas artísticas, coma os concertos, que teñen unha estreita relación cos documentais que se proxectan, o que dicía “converte ao Festival nun todo con senso”. 

Os directores do Festival quixeron deixar constancia do seu agradecemento a todos os que apoian o Festival dende as institucións coma o Concello de Tui, a Consellería de Cultura e a Consellería de Presidencia e entidades coma a Fundación Caixa Galicia. 

 O IV Festival Internacional de Documentais de Tui comeza este mércores día 12, e continuará até o domingo a última hora da tarde, ofrecendo un total de 24 proxeccións, tres concertos e outras actividades paralelas. A súa sé está na Área Panorámica.