Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

"PIcasso en ferro" de Plácido Souto na zona Anexo da Sala Municipal de Exposicións

27/01/2011

ESTA MAÑÁ FOI ABERTA A EXPOSICIÓN "PICASSO EN FERRO" DO PORTUGUÉS PLÁCIDO SOUTO

 

Xoves, 27 de xaneiro de 2011. Esta mañá, ás 12,30 horas, foi presentada a exposición "Picasso en ferro" de Plácido Souto que estará aberta ao público no Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui ata o vindeiro 23 de febreiro.

 

Plácido Souto, natural e veciño de Vilar de Mouros, no municipio de Caminha, logo de aprender dende neno a traballar o ferro, foi logo da súa xubilación no ano 2000  cando dedicouse ás artes, realizando unhas orixinais obras, dende cadros a esculturas, empregando o ferro, como material principal e reciclando moitos outros materiais. Materializou así unha colección orixinal inspirada nas principais obras de Pablo Ruiz Picasso que reproduciu con habelencia en ferro e finalmente deulles cor.

 

A interpretación que Plácido Souto realiza da obra do xenial artista Picasso está dotada de grande audacia pero ao mesmo tempo logra conectar rapidamente co espectador que se mostra sorprendido pola capacidade de comunicación das obras.

 

Para Moisés Rodríguez Pérez esta exposición é unha dobre homenaxe, por unha banda á obra artística, xa clásica, de Pablo Ruiz Picasso, pero tamén ao traballo desenvolvido polo espírito inquedo de Plácido Souto que transformou á súa vida de ferreiro nunha oportunidade de creación artística evidenciando a súa singularidade de artista autodidacta. Ao tempo esta nova exposición testemuña a vocación da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui de acoller mostras de carácter transfronteirizo que posibiliten o achegamento entre as culturas de Galicia e o Norte de Portugal e onde Tui xoga un papel estratéxico relevante.