Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As persoas cobrarán protagonismo na praza da igrexa de Baldráns logo das obras de reforma da contorna

30/08/2022

Un carril de circulación reducido nunha plataforma a nivel de uso mixto, zonas pavimentadas, zonas verdes e espazo peonil son as claves da transformación da contorna da praza da igrexa de Santiago de Baldráns

Actuar nunha superficie de 2.557 m2 no centro do núcleo da parroquia de Baldráns, ao pé da estrada provincial PO-404, para obter 1.490 m2 para as persoas é o obxectivo do proxecto de acondicionamento da contorna da igrexa de Santiago  de Baldráns, así o traslada o alcalde Enrique Cabaleiro salientando que a suma dos distintos proxectos presentados á rede ÁGORA, da Deputación de Pontevedra, gañarán un total de 7.023 metros cadrados para as persoas despois de actuar en máis de 13.307 m2..

Do asfalto actual a pavimentos de lousa, adoquín de granito ou formigón lavado, dos 235m2 para as persoas a 1.490 metros cadrados para o desfrute da veciñanza e dunha zona caótica de aparcamento, tránsito de vehículos e interacción de persoas a un espazo amable e seguro de convivencia. Así é o proxecto que transformará a contorna da igrexa de Santiago de Baldráns.

A actuación proposta reducirá considerablemente o espazo dedicado ó tráfico motorizado, acoutando un carril de circulación reducido nunha plataforma a nivel de uso mixto. O resto recibirá un tratamento de espazo peonil, con zonas pavimentadas e zonas verdes, integrando a arboreda existente e introducindo novas árbores para outorgar maior entidade á paisaxe verde do lugar. De xeito complementario prevese a dotación de mobiliario urbano e iluminación.

As actuacións proxectadas están enfocadas á recuperación dun espazo público de clara prioridade para o automóbil, con calzada de pavimento asfáltico sen beirarrúas. O proxecto establecerá claramente a prioridade peonil ao tempo que porá en valor a paisaxe construída e natural do lugar, mellorando a calidade xeral, tanto desde o punto de vista arquitectónico como ambiental. Os espazos proxectados estarán deseñados para aumentar a mobilidade activa reducindo o tráfico motorizado, para garantir a accesibilidade universal e devolver o uso principal do espazo público aos peóns.

O goberno de Tui da pasos firmes no cumprimento dos compromisos adquiridos non só coa Rede ÁGORA, tamén no Pacto das Alcaldías e vai dando forma a unha cidade máis sostible tal e como esixe a Axenda Urbana Española, da que Tui é beneficiaria ao ser un dos 121 concellos seleccionados para redactar o seu plan de acción de crecemento.