Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A película Arrietty chega este venres 12 de agosto ao Paseo Fluvial

9/08/2022

No marco do cinema de verán de Tui proxectarase ao aire libre este filme de animación xaponés | Será ás 22.00h con entrada gratuíta

Este venres, 12 de agosto, proxéctase no Paseo Fluvial a película de animación xaponesa Arrietty e o mundo dos diminutos, adaptación do conto infantil "The Borrowers" de Mary Norton e ambientada no Tokio contemporáneo. Será ás 22.00 no Paseo Fluvial, con entrada gratuíta e libre. O filme foi premiado no ano 2010 pola Academia Japonesa como Mellor filme de animación

Baixo o chan, escondidos tras os taboleiros de madeira dunha mansión do campo, vive unha familia de seres diminutos de apenas 10 centímetros de altura. Como norma, non se deixan ver nunca polos humanos pero isto cambiará cando Arrietty, unha adolescente audaz, é descuberta accidentalmente por un cativo que acaba de chegar á casa debido a uns problemas de saúde. Entre eles dous xurdirá unha gran amizade, pero a supervivencia destes seres diminutos tamén se verá ameazada.

Esta proxección de cinema ao aire libre forma parte da programación cultural do verán do Concello de Tui.

En agosto continúa o Cinema de Verán

A programación do Cinema de Verán completarase no mesmo escenario o venres, 26 de agosto, tamén ás 22.00 horas, con Voando xuntos, un filme francés de aventuras que conta a historia da relación de Christian, científico especializado en migracións de aves, co seu fillo, que rexeita estas inquedanzas do seu pai e prefire os videoxogos. Xuntos emprenderán unha aventura para salvar a unha especie en perigo de extinción.