Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Pazos de Reis recibe ao equipo da Axenda Urbana de Tui

21/06/2022

A Entidade Local Menor e a Asociación Cultural Aloia reuníronse co equipo da Axenda Urbana de Tui para trasladarlle as súas necesidades

O presidente da Entidade Local Menor de Pazos de Reis e a membros da directiva da Asociación Cultural Aloia reuníronse co equipo da Axenda Urbana de Tui para trasladarlles as súas necesidades, analizar o seu día a día e abordar o futuro das súas parroquias.

Na sede da Entidade no lugar da Macoca adiantaron ao equipo da Axenda Urbana a necesidade de construír un novo centro escolar ao ter xa cedido o terreo ao Concello, tamén salientaron como urxente a renovación dos parques infantís e o deseño de itinerarios a pé para conectarse entre barrios e co centro urbano ao carecer de beirarrúas na estradas principais.

Resolver o conflito coa titularidade dos camiños tamén é outra das inquedanzas da veciñanza de Pazos de Reis que tamén viu con bos ollos a creación dunha ventanilla única á que trasladar instancias e trámites coa administración evitando desprazamentos e a duplicidade das xestións.

A posibilidade de ir introducindo o emprego de enerxías limpas nos seus edificios, o soterramento de cableado e a carencia de transporte público tamén foron temas de conversa e análise entre os e as asistentes.

Potenciar o Aloia como atractivo turístico, recuperar sendas e camiños antigos e coidar do patrimonio etnográfico sumáronse á listaxe de peticións. Por último subliñaron a importancia de soterrar unha parte da liña de tren para permitir un acceso directo co centro urbano.

A Axenda Urbana de Tui avanza no seu proceso de participación que recalará mañá mércores, 22 de xuño, na parroquia de Malvas, Randufe, Rebordáns e Ribadelouro.

Co proceso de participación e a diagnose, o Concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

O proceso de participación realizou tamén encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación,  técnicos municipais e organizacións vencelladas xeográfica e politicamente con Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir unha diagnose que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que  a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.