Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Patrimonio informa favorablemente o proxecto de humanización da Avenida de Portugal

4/10/2021

Avanza deste xeito a tramitación previa á execución desta obra nun tramo do Camiño Portugués e entrada a Galicia dende Portugal

O proxecto de humanización da Avenida de Portugal no tramo comprendido entre a vella Ponte Internacional e o cruce coa N550 continúa avanzando na súa tramitación.

En concreto a Dirección Xeral de Patrimonio resolveu autorizar as obras do “Proxecto de construción de adecuación e mellora da seguridade viaria na estrada N-551 pk 1+400 a 1+850 coincidente coa traza do Camiño Portugués de Santiago” coas condicións e consideracións técnicas indicadas no informe.

O proxecto abrangue medio quilómetro coincidente co tramo do Camiño de Santiago. A actuación realízase nunha zona afectada pola protección do propio Camiño de Santiago, da vella Ponte Internacional e de varias edificacións integradas no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. 

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana é quen promove e financia esta actuación valorada en máis de 500 mil euros.  A súa execución suporá a mellora substancial na entrada a Galicia dende Portugal, e na porta de entrada do Camiño de Santiago dende o país veciño.