Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Os Sete Magníficos Máis Un”presentan un espectáculo de clown para todos os públicos este venres ás 21,30 no Teatro Municipal

29/11/2006

“Os Sete Magníficos Máis Un”presentan un espectáculo de clown para todos os públicos este venres ás 21,30 no Teatro Municipal
Este venres chega a Tui o último espectáculo de “Os Sete Magníficos Máis Un” titulado “A Cadeira Voadora” producido polo Festival Internacional de Clown. Este evento forma parte da programación do último trimestre do ano organizada pola Concellería de Cultura. A función comeza o venres, ás 21.30h, poñéndose á venda as entradas ás 16.30h ao prezo de 3€, 2€ con desconto e 1€ para os menores de 14 anos.
“A Cadeira Voadora” é o sexto espectáculo que levan aos escenarios “Os Sete Magníficos Máis Un”. Esta produción mantén coma nexo con anteriores traballos o uso de elementos de clown aos que desta volta se suman a maxia, as acrobacias, ou os malabares. Seguindo a liña iniciada en anteriores ocasións a compañía recupera en “A Cadeira Voadora” varias farsas do mundo do paiaso de circo creando unha divertida obra cómica para todos os públicos.
Deste xeito “A Cadeira Voadora” é unha produción de clown na que os seus protagonistas deben afrontar as máis disparatadas situacións entre un director de pista desesperado, un axudante con poucas ganas de axudar e un trío de malabaristas con pouca maña.
“Os Sete Magníficos Máis Un” creouse no ano 2001 a raíz dunha serie de cursos de iniciación e perfeccionamento de clown. Un grupo de actrices e actores galegos da máis diversa procedencia crearon esta compañía que vai da man do Festiclown que dirixe Iván Prado. A súa primeira montaxe foi “Cousas de mulleres” á que seguiu “U-la praia” o seu primeiro espectáculo de rúa; “As cincentas desclowntroladas”, “Manicomio só para clowns”, “O Gordo e o Calvo” completan o seu currículum ao que en febreiro deste ano sumaban “A Cadeira Voadora”.