Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo atendeu a máis de mil visitantes ao longo da primeira semana de decembro

10/12/2021

Achegáronse a este punto de información turística 1.006 turistas e 88 peregrinos

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui ten rexistrado nesta primeira semana de decembro un alto número de persoas atendidas; en concreto, un total 1.094 visitantes. Do total de persoas que pasaron por este punto de información turística a gran maioría, 1.006 persoas eran turistas, e 88 peregrinos.

O desglose destes datos permite comprobar a procedencia deste millar e pouco de turistas que corresponden coas seguintes zonas: Madrid (232), Toledo (84), Valladolid (76), Pontevedra (74), Asturias (68), Salamanca (62), Burgos (52), A Coruña (45) e Vizcaya (32) seguidos por turistas procedentes de Valencia, Tenerife, As Palmas, Cantabria, Ourense, Xaén...Os de procedencia estranxeira eran basicamente portugueses (14)  e italianos (4).

No caso dos peregrinos, a procedencia internacional é moi maioritaria nestas datas, ben sexa de Portugal (20) ou doutros países, como o caso de peregrinos de Alemaña (13), Francia (6), Brasil (3) xunto con Bélxica, Reino Unido ou de lugares afastados como Corea ou Australia que teñen visitado a nosa cidade na súa peregrinación a Compostela.

O Concello de Tui expresa a súa satisfacción por estes datos pois a pesar das inclemencias meteorolóxicas rexistradas nestes pasados días os datos antes referidos testemuñan como a nosa cidade tivo un alto número de visitantes nestas datas, o que ten contribuído positivamente ao dinamismo do sector turístico do noso municipio. Complementan estas cifras os numerosos tudenses e visitantes que se teñen achegado a visitar o Mercado de Nadal no Paseo da Corredoira  que continuará aberto ata este domingo.