Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Información Turística de Tui tivo 19.708 consultas de xullo a outubro

14/11/2007

A Oficina Municipal de Información Turística de Tui tivo 19.708 consultas de xullo a outubro

O 85,5% do turismo segue a ser nacional con Madrid, Andalucía e Cataluña á cabeza 

Un total de 19.708 visitantes pasaron pola Oficina Municipal de Turismo de Tui situada na Praza da Inmaculada, durante os tres meses e medio que permaneceu aberta, entre o 15 de xullo e o 30 de outubro. Deste total o 85,5% eran turistas nacionais, e o 14,5% eran estranxeiros. O mes no que se rexistraron o  maior número de consultas na Oficina foi agosto con 10.502 consultas, das que o 89% eran turistas nacionais e o 11% restantes doutros países.  En xullo, onde se contabilizou a última quincena, o número de visitantes foi de 2.695. Mentres en setembro este servizo municipal atendeu a 3.936 persoas das que o 82% eran españois e o 18% estranxeiros. A cifra reduciuse en outubro até os 2.576 turistas, sendo esta a primeira vez que se contabiliza este mes.  

Os datos recabados pola oficina municipal son semellantes aos de 2006, pero por contra estas consultas baixaron con respecto a 2005, onde houbo un maior número de turistas. A meirande parte do turismo que se achega ata á cidade segue a ser paso e so 1.093 persoas das 19.708 que pasaron pola Oficina Municipal, estiveron máis dunha noite na cidade.  Ata este punto de información turística situado na Praza da Inmaculada achegáronse 447 camiñantes que realizaban o tramo de Tui a Compostela.  

No turismo nacional, ao igual que nos últimos anos, Madrid está a cabeza das autonomías de onde chega a meirande parte dos visitantes, seguida de Andalucía, e logo de Cataluña. Xa no tocante ao turismo estranxeiro, Portugal está á cabeza dada a súa proximidade á nosa fronteira, seguida de cerca por Francia, Inglaterra e Italia, aínda que se rexistran tamén turistas de Xapón, Canadá, Perú, Corea ou Australia.