Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina de Turismo recibiu en abril máis de 3.300 visitantes, un 17% máis que o pasado ano

2/05/2023

En total pasaron pola oficina tudense 1.044 peregrinos e 2.319 turistas

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu durante o pasado mes de abril deste ano 2023 un total de 3.363 visitantes, o que supón un incremento do 17,8% con respecto aos datos do pasado.

No desglose de cifras, en total foron atendidos 2.319 turistas dos que 133 eran de procedencia internacional. Portugal encabeza esa listaxe con 47 visitantes o pasado mes de abril, seguida de Francia (13), Estados Unidos (12), Arxentina (10), Alemaña (8), México (7) e Cuba (6).

No referente aos turistas nacionais, foron 2.186 os que visitaron a cidade o pasado abril. Ourense con 422 foi a provincia de procedencia máis repetida, seguida de Pontevedra (367), Madrid (350),  A Coruña (140), Valladolid (136) e Alacante (67).

Pola súa banda, a Oficina Municipal de Turismo atendeu ao longo do mes de abril a 1.044 peregrinos. Destes, 625 eran de orixe internacional destacando os procedentes de Alemaña (142), Portugal (84), Estados Unidos (58), Reino Unido (50),  Italia (34), Países Baixos (29) ou Corea (28).

No que atinxe aos 419 peregrinos españois atendidos, procedían de Madrid (73), Barcelona (55), Valencia (45), Xaén (30), Alacante (23), Tenerife (19), Toledo (17) e Cádiz (14).

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a celebración da Semana Santa e das festas de San Telmo influíron positivamente nesta dinámica de crecemento do número de visitantes. Sinala tamén o rexedor tudense que os datos reflicten unha progresiva tendencia de crecemento sustentada nas cifras dos últimos meses no ámbito turístico que falan dun incremento do 36% no número de peregrinos e do 11% no número de turistas.

Lembra tamén Enrique Cabaleiro que o Concello de Tui ven de recibir a noticia da concesión de 2 millóns de euros de fondos Next Generation para a execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘Vive a historia, descobre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza’. Un investimento, destaca Cabaleiro, “que contribuirá a mellorar a competitividade da oferta patrimonial e turística da nosa cidade”.