Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina de Turismo Municipal de Tui recibe máis de 4.700 turistas na primeira quincena de agosto

23/08/2011

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui recibiu  na primeira quincena de agosto máis de 4.700 visitas de turistas que realizaron consultas de información. Deste número 4.100 corresponden a visitantes nacionais e 600 a visitantes estranxeiros.

 

As comunidades autónomas que máis presenza tiveron na nosa cidade son Madrid, Cataluña e Andalucía. Por suposto, as visitas de turistas provenientes da propia Galicia son elevadas convertendo á nosa comunidade na sexta que máis turistas achega. Con todo, os visitantes galegos non realizan tantas consultas na oficina de turismo ao ter maior coñecemento da zona, o que apunta a un número superior de visitantes da nosa comunidade que non queda reflectido nas estatísticas.

En canto a outros países, son nesta quincena os procedentes de Francia os que ocupan o primeiro lugar, seguido, por suposto, polos veciños portugueses e, en terceiro lugar, os italianos.

 

Para a concelleira de turismo, Raquel Lorenzo, a cidade de Tui con este número de visitantes mantense nos mesmos parámetros dos anos anteriores con respecto ao número de visitantes (9.717 en agosto de 2010 ou 8.900 no mesmo mes de 2009) o que supón a consolidación de Tui como un destino turístico de interese e atractivo para os visitantes a Galicia. Os seus valores patrimoniais, naturais e paisaxísticos resultan valores cada vez máis valorados polos turistas.

 

A Oficina Municipal de Turismo sita no Paseo da Corredoira está aberta ao público todos os días neste enclave emblemático da nosa cidade.