Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O vindeiro venres, 10 de febreiro, será asinado o Protocolo de Creación da Eurocidade

3/02/2012

O vindeiro venres, 10 de febreiro, será asinado oficialmente o protocolo de creación da Eurocidade Tui – Valença / Valença-Tui nun acto institucional a celebrar na antiga Alfándega de Valença e no que asistiran o presidente da Cámara Municipal de Valença, o alcalde do Concello de Tui, un representante da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte e un representante da Xunta de Galicia en representación tamén da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, cuxa presidencia ostenta actualmente a nosa Comunidade Autónoma.

A sinatura deste protocolo culmina ao proceso iniciado coa aprobación por parte do Pleno da Assembleia Municipal valenciana e da Corporación Municipal tudense deste acordo de cooperación entre ambos municipios que buscan así promover as sinerxías mutuas e potenciar a colaboración en múltiples materias en beneficio dos cidadáns de ambos municipios.

Xa ao longo dos últimos meses Tui e Valença teñen colaborado en numerosas iniciativas de carácter conxunto. Dende a recente participación na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid ou anteriormente na Expogalaecia, á diversas competicións deportivas, actividades culturais como a Cabalgata de Reis, actuacións de caracter medioambiental como a plantación do bosque da Eurocidade, etc.. son algunhas das actividades xa desenvolvidas ao abeiro desta colaboración.

Como símbolo desta Eurocidade os responsables de ambos municipios teñen elixido o anagrama gañador no pasado ano das conmemoracións do 125 aniversario da inauguración da Ponte Internacional. Este logotipo (de carácter provisorio) moderno pero representativo desta ponte metálica que simboliza a unión de ambas cidades e as súas xentes foi adaptado polo seu autor Miguel Amenedo para esta nova función de representar á Eurocidade.