Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O saneamento, a falla de autobuses e a ubicación das novas bolsas de solo industrial, principais preocupacións en Ribadelouro

29/06/2022

A parroquia de Rebordáns trasladou ao equipo da Axenda Urbana a necesidade de beirarrúas en Paredes e a protección e recuperación do patrimonio etnográfico

Asociacións veciñais e culturais das parroquias de Rebordáns e Ribadelouro, comunidades de montes veciñais en man común das dúas parroquias e o Club de Fútbol de Ribadelouro recibiron ao equipo da Axenda Urbana de Tui para trasladarlle as principais necesidades da súa veciñanza.

As e os representantes parroquiais sinalaron a falla de saneamento como o principal problema en Ribadelouro. A isto súmanlle as dificultades para legalizar as traídas veciñais de augas e a falta de entendemento co Consorcio de Augas do Louro. Para a veciñanza a complexidade da xestión coas distintas administracións é un dos principais inconvenientes que afrontan a diario, recibindo con agrado a proposta da Axenda Urbana de solicitar a “ventanilla única” para simplificar a tramitación.

O transporte público tamén estaba entre as principais demandas. Máis horarios e paradas que posibiliten achegarse aos centro urbano e ás cidades da área metropolitana farían posible desprazamentos máis sostibles.

Na listaxe de asuntos a resolver na parroquia de Ribadelouro está tamén a mellora da iluminación e marquesiñas na estrada PO342, o pintado dos pasos de peóns e distintas melloras na zona deportiva. A este respecto, o Club de Fútbol de Ribadelouro trasladou ao equipo da Axenda Urbana as necesidades concretas das súas instalacións das que son usuarios/as nenos e nenas dende os cinco anos ata adultos de sesenta anos. O Club subliñou que nos últimos anos hai un aumento importante de persoas que practican fútbol no seu terreo de xogo, motivo polo que se fan necesarios máis vestiarios, o cambio do céspede ou unha mellora na iluminación. O Ribadelouro posicionou como urxente as obras de saneamento ao carecer de conexión, situación que empeora na tempada estival. Ademais, solicitaron un espazo para almacén e para oficinas, unha nova grada e o pintado da zona de aparcamentos, entre outras demandas.

Rebordáns salientou a necesidade de beirrarúas para conectar o barrio de Paredes con Ribadelouro e ambas coincidiron en solicitar apoios para a creación de sendas verdes, a posta en valor das ribeiras dos ríos e a protección do patrimonio etnográfico como as fontes e os muíños.

Ribadelouro demandou tamén beirarrúas dende a igrexa ata o cruce de San Simón e trasladou a súa preocupación ante a creación de dúas bolsas de solo industrial na contorna da parroquia. A veciñanza adiantou que xa recolleron sinaturas para posicionarse en contra deste proxecto que din “deixa illada á parroquia no medio de diferentes zonas industriais”.

A Axenda Urbana de Tui avanza no seu proceso de participación que recalará o vindeiro martes día 5 nas parroquias de Areas e Pexegueiro. 

Co proceso de participación e a diagnose, o concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

O proceso de participación realizou tamén encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación,  técnicos municipais e organizacións vencelladas xeográfica e politicamente con Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir unha diagnose que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que  a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O alcalde Enrique Cabaleiro lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.