Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O sábado remata a exposición biográfica sobre Xosé María Álvarez Blázquez

4/06/2008

ATA ESTE SÁBADO ESTÁ ABERTA A EXPOSICIÓN BIOGRÁFICA SOBRE XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle ata este sábado a exposición biográfica sobre Xosé María Álvarez Blázquez realizada polo Concello de Tui dentro da programación de actividades arredor do “Ano Xosé María Álvarez Blázquez”.

Esta exposición fai un percorrido por medio de dez paneis informativos pola biografía do egrexio escritor e investigador tudense, realizada dun xeito ameno e didáctico coa pretensión de achegar a traxectoria vital do escritor tudense a todo tipo de públicos.

A exposición realiza unha descrición máis polo miúdo sobre os anos mozos de Xosé María Álvarez Blázquez, pois foi nesta época cando a súa relación con Tui foi máis estreita e aporta información sobre os seus traballos de investigación relacionados coa nosa cidade.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición biográfica é unha das contribucións realizadas dende o Concello de Tui para homenaxear a personalidade de Xosé María Álvarez Blázquez, neste ano no que tivo dedicado o “Día das Letras Galegas”, e que ten posibilitado o recoñecemento da ricas aportacións que fixo á cultura de Galicia e de xeito especial á vida cultural tudense. O concelleiro anima aos veciños a visitar esta exposición para coñecer máis amplamente a traxectoria do escritor tudense.

O Concello de Tui ten sido a única institución pública de Galicia en declarar, por acordo do Pleno de 29 de decembro de 2007, o ano 2008 como “Ano Xosé María Álvarez Blázquez” e ten realizado un importante esforzo para artellar un amplo programa de actividades arredor da figura do polígrafo tudense.

Un programa que terá continuidade o vindeiro día 24 de xuño, aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia no ano 1891 na nosa cidade, co celebración dun recital poético en homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez.