Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O sábado abre as súas portas "Artuistas: II Exposición colectiva de artistas tudenses"

19/03/2008

O SÁBADO 22 DE MARZO INAUGÚRASE “ARTUISTAS: II exposición colectiva de artistas tudenses” 

Por segundo ano consecutivo a Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Tui ten organizado, co gallo das festas patronais na honra de San Telmo, a exposición colectiva de artistas tudenses, que baixo o nome xenérico de “Artuistas” reunirá na Sala Municipal de Exposicións tudense a corenta e tres artistas naturais ou residentes na cidade fronteiriza. 

Nesta nova edición os visitantes poderán contemplar unha interesante mestura entre a experiencia e a traxectoria acreditada de artistas como Xosé Luís de Dios, Lis, Xulio García Rivas, Xavier de Sousa, Juan Valcarcel ou mesmo Quico Paz Antón xunto a mozos e mozas que comezan a realizar a súas achegas artísticas con nomes como Lúa Gándara, “Roni” Vicente, Clara Sancho-Arroyo, Andrés Tejido, etc. E xunto a esta longa relación de artistas poderemos contemplar tamén obras de dous artistas tudenses, xa falecidos, pero que posúen unha especial sona no mundo da arte. Por unha banda, Eduardo Padín (1896-1979), debuxante e pintor, e por outra, Cristino Mallo (1905-1989), o prestixioso escultor nado en Tui e de recoñecido prestixio mundial (de quen poderemos contemplar unha exposición antolóxica en Tui no vindeiro verán). 

Esta combinación é un dos principais atractivos da exposición tudense que abre as súas portas o vindeiro sábado 22 de marzo ás 20,00 horas, logo do acto protocolario de coroación da Raíña das Festas e da lectura do pregón, continuando aberta ao público ata o vindeiro 12 de abril. O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, congratúlase polo éxito da convocatoria desta II exposición colectiva que amplía este ano o número de participantes e que amosa a vitalidade da sociedade tudense e a potencialidade creativa das xentes da nosa cidade. Ao tempo agradece a colaboración de todos os artistas participantes e de xeito especial á Galería tudense Trisquel e Medulio –a que cómpre felicitar polo seu empuxe e actividade- e quere expresar nunha nova oportunidade o interese do Concello de Tui pola promoción dos artistas da nosa localidade.