Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O papel da educación para facer fronte á violencia de xénero centra o programa do 25N do Concello de Tui

19/11/2022

Haberá actividades para o alumnado dos distintos centros escolares pero tamén mesas redondas, conferencias, performances ou as II Xornadas de Comunicación e Igualdade

Dando voz aos nenos e nenas para coñecer a súa mirada sobre un tema tan importante coma a violencia de xénero, no pleno infantil celebrado onte venres, comezou o programa de actividades organizado polo Concello de Tui con motivo do 25 de novembro, o Día Internacional para a erradicación da Violencia Contra a Muller.

Precisamente a infancia e a adolescencia son os sectores da poboación nos que este ano vai incidir especialmente a campaña posta en marcha polo Concello de Tui. Un traballo centrado na educación, na información, na concienciación e na prevención deste tipo condutas.  Os carteis da campaña lanzan precisamente unha mensaxe directa aos e ás adolescentes sobre o que poden ser relacións  nocivas e sobre a axuda que teñen ao seu carón.

Para iso dende a concellería de Igualdade organizáronse unha serie de actividades nos distintos centros educativos. Así haberá contacontos e talleres formativos para o alumnado de Infantil e Primaria e a performance “A última cea” de Uxía Morán chegará ao alumnado de Secundaria. Amais o xoves 24  está programada a charla informativa “Agresións sexuais e violencia sexual” para o alumnado de 2º da ESO do Instituto Indalecio Pérez Tizón. Mentres o alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos asistirá o xoves 24 ao monólogo “En pé de igualdade” con Arantxa Treus e Marta Doviro, e o mércores 30 á proxección da película-documental “Serás hombre”, con posterior coloquio coa autora Isabel de Ocampo.

No programa organizado con motivo do 25N tamén se busca dar a coñecer os recursos a dispor das posibles vítimas e da sociedade ante un caso de violencia machista. Así o próximo martes, 22 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez celebrarase a mesa redonda “A violencia de xénero. Prevención, atención e protección”. Na mesma abordarase a atención e asesoramento multidisciplinar ás vítimas, os protocolos de protección e os recursos públicos. Participarán representantes dos equipos VIOXEN da Garda Civil e da Policía Local,  a coordinadora dos Servizos Sociais Municipais, e unha avogada especializada na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.

O 25N estará tamén presente na sesión plenaria de carácter ordinario que o próximo xoves 24 celebrará a corporación municipal de Tui. Será coa lectura da Declaración Institucional e coa constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

O acto central deste programa está previsto para o propio venres 25 de novembro, ás 19 h no interior do edificio dos antigos xulgados, na praza da Inmaculada. Abrirase con “DesAlento” a acción escénica de Mónica Sueiro, seguida da lectura do manifesto e da actuación musical de Sofía Espiñeira.

As actividades continuarán o sábado 26 ás 12 h na praza de Abastos coa performance “A última cea” de Uxía Morán. Mentres o martes 29 ás 19 h na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, celebrarase a conferencia “As violencias sexuais, do #MeToo ao solo si é si” a cargo de Laura Seara, avogada, deputada, e exsecretaria de Estado de Igualdade.

O sábado 3 de decembro darase continuidade a iniciativa posta en marcha o ano pasado para abordar cos medios de comunicación a presenza das mulleres nos mesmos, as redes sociais, e os avances dende a aprobación da Lei de Igualdade Efectiva 3/2007 ata a perspectiva de xénero na política e a persistencia de estereotipos de xénero na comunicación e por suposto, elaborar propostas será na II Xornada de Comunicación e Igualdade.

Tamén ao longo do mes de decembro celebrarase o II Programa Municipal de Formación e Intervención interna en materia de igualdade dentro do programa Maruja Mallo dirixido ao persoal do Concello de Tui.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, salienta coma a programación deste ano deseñouse pondo o aceno na concienciación da mocidade da importancia de erradicar a violencia de xénero e as actitudes machistas, así coma de facer fronte ao negacionismo deste tipo de conductas e actos violentos. Incide Ana Núñez coma precisamente a educación xoga un papel clave para facer fronte a este tipo de violencia, ao tempo que se incidirá no papel que as redes sociais poden xogar, tanto na parte negativa coma medio para exercer presión, control, …, ou na positiva para conectar coa mocidade e transmitirlles a información, os recursos e a axuda que teñen ao seu carón.

Dia Internacional Para a Erradicación da Violencia contra a Muller

Programa

  • Venres, 18 de novembro, ás 11.30 h, na casa do concello de Tui
    • Pleno infantil: a violencia de xénero a debate polos nenos e nenas dos centro educativos do concello de Tui.
  • Martes, 22 de novembro, ás 19.00 h no edificio Francisco Sánchez
    • Mesa Redonda: “A violencia de xénero. Prevención, atención e protección” Abordaremos: A Atención e asesoramento multidisciplinar ás vítimas. Os Protocolos de protección e os Recursos públicos.
    • Interveñen:
      • Representante da equipa VIOXEN da Garda Civil
      • Representante da equipa Vioxen da Policía Local de Tui
      • Coordinadora Servizos Sociais municipais
      • Avogada de atención a mulleres vítimas
  • Xoves, 24 de novembro.
    • Charla informativa sobre “Agresións sexuais e violencia sexual” para o alumnado de 2º da ESO do Instituto Indalecio  Pérez Tizón.
    • Monólogo “En pé de Igualdade” con Arantxa Treus e Marta Doviro para o alumnado de bacharelato  e ciclos formativos dos IES San Paio e Indalecio Pérez Tizón.
    • Lectura de declaración institucional no pleno da corporación municipal e constitución plenaria da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
  • Venres, 25 de novembro, ás 19.00 h no interior do edificio dos antigos xulgados na Praza da Inmaculada
    • Acto conmemorativo 25N
    • Acción escénica de Mónica Sueiro “DesAlento”
    • Lectura de manifesto
    • Actuación musical de Sofía Espiñeira
  • Sábado, 26 de novembro, ás 12.00 h na Praza de Abastos
    • Performance “A última cea” de Uxía Morán
  • Martes, 29 de novembro, ás 19:00 h na Sala de Exposicións Municipal no edificio Francisco Sánchez
    • Conferencia “As violencias sexuais, do #MeToo ao só si é se” con Laura Seara,  avogada, deputada e exsecretaria de estado de Igualdade.
  • Mércores, 30 de novembro
    • Proxección da película-documental “Serás hombre”, e posterior coloquio coa autora Isabel de Ocampo, para o alumnado de Bacharelato e Ciclos Medios dos IES San Paio e Indalecio Perez Tizón.
  • Sábado, 3 de decembro
    • II Xornada de Comunicación e Igualdade
  • Durante o mes de decembro
    • Formación para o persoal municipal en materia de igualdade do II Programa Municipal de Formación e Intervención  interna en materia de igualdade dentro do programa Maruja Mallo.