Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O municipio de Boticas presenta a súa oferta turística e cultural en Tui coa exposición "Boticas. a sedución da montaña"

1/03/2007

O MUNICIPIO DE BOTICAS PRESENTA A SÚA OFERTA TURÍSTICA E CULTURAL EN TUI COA EXPOSICIÓN “BOTICAS, A SEDUCIÓN DA MONTAÑA”

O municipio portugués de Boticas, situado na rexión noreste de Portugal na zona de Chaves, presenta dende mañá venres 2 de marzo a súa oferta turística e cultural en Galicia, elixindo á cidade de Tui como o seu referente para esta presentación.

Así mañá venres, ás 20,00 horas, será inaugurada unha exposición que baixo o título de “Boticas, a seduduçâo da montanha” reúne unha escolma de artistas daquela localidade así como unha mostra bibliobiográfica do escritor Gomes Monteiro, unha das personalidades máis atraíntes do periodismo e da escrita lusa do século XX. Completará esta presentación unha degustación de produtos típicos daquela bisbarra que será ofertada pola Cámara Municipal de Boticas a todos os asistentes á inauguración desta exposición.

Para o Concello de Tui, en palabras do seu concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, é un motivo de satisfacción que a Cámara Municipal de Boticas teña elixido á cidade de Tui para presentar a súa oferta cultural e turística pois este acto contribuirá a reforzar a papel de ponte que Tui xoga nas relacións entre Galicia e Portugal.

No acto de inauguración desta exposición “Boticas, a seducâo da montanha” participará o Presidente da Cámara Municipal, Fernando Campos, xunto a outras autoridades daquel municipio ao que acompañará neste evento o Alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha.

O municipio de Boticas achase na parte noreste de Portugal, na provincia de Tras-os-Montes, nas antigas “Terras do Barroso”, que tomaban nome da serra do mesmo nome que acada alturas de 1.279 m, e que xunto con verdes vales, definen a paisaxe deste municipio.

En Boticas consérvanse aínda tradicións seculares, onde destacan as afamadas “Chegas de bois” do Barroso, un dos maiores atractivos de toda a rexión. Outra referencia deste concello son as augas minerais de Carvalhelhos, augas bicarbonatadas frías, con propiedades terapeúticas, que nacen a 775 m. Outras tradicións de Boticas son o “vinho dos mortos” ou a célebre “carne barrosá”, pasando polas feiras gastronómicas anuais dedicadas ao porco, o mel ou a carne e que reúnen naquelas terras a milleiros de persoas.

Complétase esta mostra de Boticas coa exposición iconográfica dedicada a Gomes Monteiro, xornalista e escritor, que dende moi novo dedicouse ao xornalismo, tendo traballado en cabeceiras como “A Manhá”, “Jornal de Cantanhede”, “O Século”, “Diario de Noticias”, etc. Como escritor Gomes Monteiro ten preto de 40 obras publicaas, entre as que destacan “Feras no povoado – retrato de Boticas”, “Os vencidos da vida”, “Bocage esse desconhecido”, etc.