Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O MUMI 2022 pechou a convocatoria para artistas e bandas superando amplamente as expectativas

5/04/2022

O encontro profesional das músicas do Minho recibiu 352 propostas artísticas da Galiza e Portugal, que optan a formar parte do programa de showcases desta edición.

A organización do MUMI 2022 ten por diante un duro traballo de selección, tras o éxito de convocatoria que se pechou cun total de 352 propostas artísticas candidatadas para os showcases. En canto á procedencia está bastante igualada, cun número similar de inscricións galegas e portuguesas. A grande maioría das propostas son de artistas cunha traxectoria consolidada, respaldadas por axencias profesionais, o que desde a organización apuntan como “un feito que demostra a solidez da escena e o interese da industria musical dos dos países polo MUMI”.

Agora, as propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, mais tamén de viabilidade dentro dos obxectivos e características da feira, para configurar unha programación que inclúe showcases, conferencias e sesións de traballo conxunto; co obxectivo de converter a Eurocidade durante tres días nunha feira musical de referencia no oeste peninsular.

Continúan abertas as inscricións profesionais

Para as empresas de produción e management, responsables de programacións musicais, xestores e técnicos de cultura, e xornalistas as inscricións permanecerán abertas até as datas de celebración do evento, de xeito gratuíto, a través da web mumimusicas.eu.

Presentación do programa

A programación do encontro será presentada no mes de maio cunha oferta de showcases profesionais e tamén concertos para o público xeral con artistas de ambas beiras do Miño. Ademais do programa musical, o MUMI 2021 prepara unha proposta de conferencias, actividades formativas, encontros de traballo con empresas e profesionais.

En colaboración cos concellos de Tui e Valença, espazos emblemáticos de ambas cidades acollerán diferentes propostas co ánimo de visibilizar non só a artistas e bandas, senón as posibilidades do traballo conxunto desta alianza estratéxica que é a Eurocidade Tui-Valença. O obxectivo é converter o MUMI nun espazo de coñecemento mutuo, oportunidades, sinerxías, traballo en rede e deseño de proxectos futuros. Desde a organización do MUMI destacan o impacto social, económico e mediático do evento, e animan a todas as persoas que traballan no sector musical en Galicia e Portugal a participar na programación a desenvolver do 29 de setembro ao 1 de outubro inscribíndose a través da web mumimusicas.eu.