Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O mércores inaugúrase a exposición fotográfica “Chiaroscuro” de Antonio Fortuna

26/11/2021

Poderá visitarse até o 8 de xaneiro no Anexo da Sala de Exposicións Municipal.

O próximo mércores, 1 de decembro, ás 18.30 h inaugurarase no anexo da Sala de Exposicións Municipal a mostra fotográfica “Chiaroscuro” de Antonio Fortuna, de Valença. A exposición poderá visitarse até o 8 de xaneiro no edificio Francisco Sánchez – Área Panorámica.

Como sinala o propio autor desta colección “Estes retratos non foron influenciados por Da Vinci, Caravaggio ou Rembrandt como podía referir, senón por fotógrafos contemporáneos como Vladimir Polischuk, Pepe Castro ou Fontana Vaprio. Non son retratos formais preparados, pensados ou ensaiados senón a simplificación da obtención da fotografía de rúa, case inmediata.

Unha ollada curiosa, un sorriso, quizais unha pequena conversa ou só unha insinuación da cámara agardando o desexado permiso para disparar e, en segundos, a case certeza de ter feito a “tal fotografía”. Estas imaxes son o resultado desa case certeza.

Intencionadamente as imaxes non son tituladas, nin datadas, nin explicadas, nen contextualizadas. Cabe ao observador xulgar, maxinar, sentir libremente, sen presupostos ou encamiñamentos previos”.

A inauguración coincide coa celebración da festa nacional portuguesa, 1 de decembro. Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición do fotógrafo valenciano, que amosa por vez primeira na nosa cidade as súas impresionantes imaxes, contribúe a afondar na colaboración ao abeiro do proxecto de Eurocidade, neste caso no ámbito cultural promovendo o intercambio e coñecemento entre ambas cidades.