Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O mércores 18 presentación da Revista Galega de Educación

18/04/2007

MAÑÁ MÉRCORES PRESENTACIÓN EN TUI DO NOVO NÚMERO DA REVISTA GALEGA DE EDUCACIÒN O día 18, mércores, ás 20,00 horas vai ter lugar na Sala da Fundación “Felix Rodríguez” no edificio “Área Panorámica de Tui”, con entrada polo aparcadoiro municipal, a presentación do número 37 da Revista Galega de Educación, que edita a asociación de renovación pedagóxica “Nova Escola Galega”. Este acto está organizado pola devandita asociación e conta coo colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.No acto intervirán Xesús Rodríguez, da Facultade de Ciencias da Educación da USC, director da revista e membro de Nova Escola Galega; Paco Veiga, profesor no IES de Melide, coordinador do monográfico dedicado aos  xogos tradicionais, membro de Nova Escola Galega, e Xosé Manuel Malheiro, da Facultade de Ciencias da Educación da USC e responsable de comunicación de Nova Escola Galega. Para máis información pode consultarse a páxina: http://www.nova-escola-galega.org/ Revista Galega de EducaciónA RGE comezou a editarse en 1986 cunha periodicidade trimestral, promovida por Nova Escola Galega e editada por Edicións Xerais de Galicia. A finais de 1988 chegaba aos 800 subscritores/as, cunha difusión de 1.400 exemplares en cada número. Pero a partir do ano 1997, algúns problemas, en particular ligados á produción editorial, fixeron entrar en crise todo o proceso de elaboración da revista -redacción, produción e difusión-. Así, en maio do ano 2000, a situación vese sometida a unha revisión, xa iniciada con algunha anterioridade, no seo de Nova Escola Galega, a resultas da cal se decide interromper provisionalmente a edición, cando se levaban editados 33 números e a publicación gozaba dun ampla difusión e recoñecemento profesional e social. A RGE, que inicia agora a súa segunda etapa -de periodicidade cuatrimestral-, defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia; plural e construída desde as posicións de reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüisticamente normalizada, posicións todas elas preconizadas polo conxunto de Movementos de Renovación Pedagóxica, e singularmente por Nova Escola Galega. A RGE pretende tamén contribuír a articular e a ofrecer instrumentos de expresión e comunicación escrita ao conxunto de sectores profesionais e sociais que postulan orientacións e supostos construídos ao amparo do modelo de Escola Pública. Pretende axudar, por tanto, a impulsar un clima e unha mentalidade pedagóxicos propicios -desde a perspectiva teórica, didáctica e metodolóxica- para acadar un sistema educativo público galego renovado e democrático.