Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O grupo de Acordeóns Mascarenhas da Guarda ofrece un concerto o sábado no Teatro Municipal

18/11/2010

O grupo de Acordeóns Mascarenhas da Guarda ofrece un concerto o sábado no Teatro Municipal

Xoves, 18 de novembro de 2010. O grupo de Acordeóns Mascarenhas da Guarda ofrece este sábado, ás 20.30h un concerto no Teatro Municipal de Tui. Esta agrupación está dirixida por José Luís Lorenzo Rodríguez e conta na actualidade con quince compoñentes da Guarda, Tomiño, Tui e Ponteareas.

O Grupo de Acordeóns da Asociación Musical Mascarenhas foi fundado no ano 1997 coa intención de potenciar a difusión do acordeón participando en galas, concertos, festivais, etc..., tratando de levar ao coñecemento do público as grandes posibilidades deste instrumento. Anualmente, realiza cursos tratando de apoiar a formación musical de futuros acordeonistas. Tamén colabora con profesores de España e Portugal a través do Programa de Estudos Musicais de Acordeón desta Asociación.

Até agora, o Grupo de Acordeóns Mascarenhas realizou concertos en varias cidades de Galicia e Portugal, sempre interpretando un repertorio variado, composto por valses, pasodobres, tangos, rancheiras, polcas, etc..., e música tradicional de Galicia.
                       
No ano 2004 editou o seu primeiro traballo discográfico titulado "Os meus Recordos", con gran éxito, o que lles animou no ano 2007, e con motivo do X Aniversario a publicar o seu segundo cd "X anos Xuntos". Neste traballo discográfico inclúense sete cancións galegas, entre elas tres xotas dedicadas á Guarda, "O Pico do Facho", "Foliada de Buxán", "Xota de Camposancos" e o "Pasodobre Guardés"; todas elas composicións do Director do grupo, José Luís Lorenzo Rodríguez.

No concerto deste sábado en Tui Mascarenhas vai estrear catro composicións “O son do acordeón”, “La danza del fuego” de Manuel de Falla, “El golpe” e “Hello Dolly”.

As entradas pódense adquirir o sábado dende ás 19h no despacho de billetes da Área Panorámica.

Concerto do Grupo de Acordeóns Mascarenhas da Guarda
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Data e hora: Sábado, 20 de novembro, ás 20.30h
Duración: 60-90 min.
Entradas: Venda o sábado dende ás 19h no despacho de billetes ao prezo de 1€.

www.acordeonesmascarenhas.com