Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O goberno municipal fai un chamamento aos grupos da oposición para acordar unha folla de ruta para combater o deterioro do conxunto histórico

13/01/2018

Entre as primeiras medidas adoptadas está a ampliación do horario da Oficina da Área de Rehabilitación Integral

O goberno municipal de Tui considera a rehabilitación do conxunto histórico unha prioridade transcendental, que debe ser abordada sen demora. Como medida inmediata xa posta en marcha desde a primeira semana deste ano 2018, destaca a ampliación do horario de atención da Oficina da Área de Rehabilitación Integral, ARI, cuxa técnica ampliará os días de atención, pasando de atender so os xoves, a facelo tamén os martes, ambos de 9 a 14h.  

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, considera que “é un labor de todos ver o conxunto histórico como a grande oportunidade económica de Tui”. Apunta nese senso que “se conseguimos impulsar a súa rehabilitación son moitos os postos de traballo asociados á súa reconstrución, e unha zona monumental en boas condicións, sería fonte de emprego permanente. O conxunto histórico é posiblemente o maior activo de Tui, de todos depende aproveitalo, pensando en positivo, pensando no futuro”.

Sinala o rexedor que “combater o deterioro de amplas zonas do conxunto histórico debe ser no futuro unha prioridade transversal, unha prioridade de cidade, que comprometa de maneira firme e decidida a todos os grupos municipais, un asunto de cidade, que ten que estar por riba das loitas partidistas”. É por iso que desde o goberno consideran que sería moi positivo establecer unha folla de ruta compartida para garantir o seu cumprimento, sen que un asunto desta importancia crucial dependa so da vontade política do gobernante do momento. 

O alcalde, Carlos Vázquez Padín convocará nos próximos días, aos catro voceiros da oposición para tratar, xunto co concelleiro de Patrimonio, Eduardo Freiría, a necesidade de marcar unha folla de ruta clara e compartida por todos os grupos municipais no combate ao estado de degradación no que se encontran numerosas casas do conxunto histórico. Desde o goberno municipal entenden que debe haber un consenso neste sentido, unha folla de ruta compartida que tome como instrumentos fundamentais, a potenciación da ARI, a aprobación definitiva do PEPCHA ao longo do 2018 e a aplicación da nova Lei autonómica de rehabilitación e rexeneración urbanas de Galicia en canto sexa definitivamente promulgada.

Engade Carlos Vázquez Padín que “a vontade de diálogo é firme, só cun acordo moi amplo poderá o concello de Tui convencer a Goberno Central, Xunta e Deputación que a recuperación do conxunto histórico de Tui, non é só un asunto de interese local, senón que recuperar o segundo casco histórico de Galicia tamén merece o compromiso das institucións de ámbito superior”.