Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O equipo da Axenda Urbana reúnese cos colectivos das parroquias tudenses para analizar o presente e o futuro

7/06/2022

Co proceso de participación e diagnose iníciase a redacción deste documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos

As comunidades de montes en man común das parroquias de Baldráns e Caldelas de Tui e as asociacións A Insua, Acueducto e Val de Flores así como membros da asociación comisión de festas de Baldráns reuníronse co equipo da Axenda Urbana de Tui para analizar o presente e conversar sobre o futuro das súas parroquias.

Baldráns e Caldelas de Tui puxeron en coñecemento do equipo as principais eivas que superan no seu día a día e os proxectos de futuro que lles gustaría desenvolver nas súas parroquias. Potenciar a agricultura e os cultivos tradicionais nas Veigas do Louro, fomentar as relacións entre parroquias e recuperar a conexión coas parroquias portuguesas do outro lado da raia ou a protección do seu patrimonio etnográfico e cultural foron parte das cuestións tratadas na reunión. Comunidades de montes en man común e asociacións culturais e veciñais de ambas parroquias coincidiron en salientar a necesidade de ter máis servizos no rural ou unha posible ruta de transporte público que conectase as parroquias co centro urbano.

Co proceso de participación e a redacción da diagnose, o concello de Tui iniciou a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello. A vindeira reunión será mañá mércores no centro cultural de Guillarei onde a veciñanza de Paramos e Guillarei afondará no futuro de Tui e coñecerá de preto o proceso de redacción dunha Axenda Urbana.

“A Axenda Urbana non é un documento político, é a estratexia de futuro e por iso é imprescindible que se realice unha análise, que se faga unha consulta, que se planifique con criterios técnicos e se redacte un documento consensuado” explica o alcalde Enrique Cabaleiro.

O proceso de participación contempla tamén encontros con todos os voceiros e voceira dos grupos da Corporación,  técnicos municipais, organizacións vencelladas xeográfica e politicamente con Tui e representantes de colectivos e asociacións. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir un diagnóstico que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.