Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Consorcio de Augas do Louro deseña o xemelgo dixital das redes de abastecemento de Tui, Salceda de Caselas, O Porriño e Mos

4/10/2023

O Consorcio de Augas do Louro presenta o xemelgo dixital da rede de abastecemento. Trátase dunha copia nunha contorna dixital da rede de abastecemento de auga real que conforman os concellos de Tui, Salceda de Caselas, O Porriño,e Mos e que permite analizar o funcionamento de toda a rede detectando problemas, á vez que incorpora escenarios futuros representando o seu comportamento hidráulico.

Con este modelo virtual, realizado por Aqualia, pódese probar calquera tipo de evento predicindo o comportamento do sistema, períodos de seca, novos consumos, renovacións e melloras. Ademais, a partir de agora, “as obras que se propoñan no Consorcio serán validadas antes neste xemelgo dixital amosando con exactitude o seu resultado antes da súa execución, actuando así en consecuencia e no caso de que se detecte algún problema ou incidencia poder resolvelo de antemán”, puntualiza o presidente do consorcio, Alejandro Lorenzo.

A rede de abastecemento do Consorcio recolle auga do encoro de Eiras e do río Miño en dúas zonas diferenciadas, onde se localizan sendas plantas de tratamento, a dos Valos e a as Chans.

O proceso de elaboración deste modelo comezou coa consulta das bases cartográficas de todas as administracións, realizándose unha revisión e comprobación de campo actualizando as redes e instalacións.

Todos eses datos obtidos introducíronse nun sistema de información xeográfica (GIS) que dispón da topografía, trazados, diámetros e materiais da rede, así como todos os datos das instalacións do sistema. A continuación, dotouse á rede de sensores que son os que aportan toda a información en tempo real.

 “Estamos ante un sistema novidoso que nos sitúa na vangarda da xestión deste servizo ao dispoñer dunha ferramenta que permite analizar e predicir o comportamento da rede de abastecemento”, explica Alejandro Lorenzo, presidente do Consorcio.