Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello organiza as "Xornadas Álvaro de Cadaval, un humanista tudense do século XVI" a celebrar o 17 e 18 de outubro

8/10/2007

O CONCELLO DE TUI PROMOVE A CELEBRACIÓN DAS XORNADAS “ÁLVARO DE CADAVAL”, UN HUMANISTA TUDENSE DO SÉCULO XVI

 O Concello de Tui, a través da Concelleria de Cultura, organiza para os días 17 e 18 de outubro unhas xornadas adicadas ao humanista tudense do século XVI Alvaro de Cadaval. Estas Xornadas contan co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

Alvaro de Cadaval Valadares e Soutomaior nace na nosa cidade en torno ao ano 1505, na rúa da Zapatería –un tramo da actual rúa Lourenzo Cuenca ou de Abaixo- nunha familia fidalga. Estudia posiblemente na Universidade de Salamanca e foi un dos primeiros mestres de Gramática na Universidade de Santiago de Compostela. A súa autoría débese a inscrición que percorre o claustro do Colexio de Fonseca, primeira sede universitaria compostelana, conmemorativa da fundación deste centro. Esta vinculación de Cadaval coa Universidade compostelana ficou reflectida nunha estatua súa que figura na fachada da actual Facultade de Xeografia e Historia e cuxa imaxe emprégase na cartelería destas xornadas.Mantivo unha intensa vinculación con Portugal no que realizou numerosas estadias, principalmente na década de 1560; contou coa protección e amistade de importantes persoeiros, e así tentou ser aio e preceptor do Infante D. Antonio, fillo do rei D. Luis. En Lisboa foi publicada a totalidade da súa obra poética que abrangue ata nove libros. Mantivo unha intensa relación co bispo de Porto, Rodrigo Pinheiro.Retornado a Galicia, e tras outra etapa de docencia na Universidade Compostela, presenta un proxecto para a redacción dunha obra monumental: “Descripción y Geografia de Galicia” para a que non acoudou financiamento. Morre pobremente en Compostela no ano 1575.Alvaro de Cadaval polo seu dominio da lingua, especialmente a latina, o seu amplo coñecemento da cultura clásica, polas súas preocupacións culturais, pola súa actividade a prol da educación universitaria, pola súa actividade de comunicación  entre Galicia e Portugal, podemos consideralo como un dos máis egrexios representantes do humanismo renacentista en Galicia.Moitas das súas obras asinabaas como “Cadabal, gravii calydonii tydensis” amosando a sua querencia pola súa terra natal, pois “gravii” fai referencia aos grovios –poboadores prerromanos da zona tudense-,  e “calydonii” refírese ao reino de Tydeo –épico fundador de Tui-.

Estas Xornadas dan continuidade ás celebradas o pasado ano adicadas ao filósofo tudense Francisco Sánchez e tentan recuperar para a memoria colectiva dos tudenses nomes senlleiros da súa historia, esquecidos ou escamente coñecidos.

O programa é o seguinte:Mércores 17 de outubro ás 19,30, relatorio titulado “Observaciones críticas sobre Álvaro de Cadaval” a cargo de Manuel C. Díaz y Díaz, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela. O profesor Díaz é, na actualidade, un dos máis grandes “sabios” cos que conta Galicia. O Concello de Tui agradécelle que aceptase compracido este convide pois é todo un privilexio contar coa súa participación. Catedrático da Latín, autor de innumerables libros e artigos sobre a cultura antiga de Galicia goza na actualidade dun recoñecido prestixio.En segundo lugar Juan M. González Fernández realizará a súa disertación sobre “Tui nos inicios da Idade Moderna”, falándonos do contexto no que nace e vive os seus primeiros anos Alvaro de Cadaval. Juan M. González é profesor de Ensino Medio e Doutor en Historia Moderna, especialista en temas de historia social e política posue unha abundante bibliografía centrada especialmente na zona sur da actual provincia de Pontevedra. O xoves 18 de outubro o primeiro relatorio titulado “El humanista Alvaro de Cadaval: raices tudenses y proyectos culturales gallegos” estará ao cargo do profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela, José García Oro. Este investigador ten publicadas numerosas obras de investigación sobre diversos aspectos da Galicia baixomedieval e dos primeiros séculos da Idade Moderna.Finalmente o último relatorio versará sobre “A obra literaria en latín de Álvaro de Cadaval, os soños dun humanista” e será pronunciado polo profesor Xosé Vélez Latorre, que está realizando na actualidade unha profunda investigación sobre a obra literaria cadavalense e da que nos ofrecerá unha primicia nestas Xornadas. 

As Xornadas Álvaro de Cadaval Terán lugar no Museo Municipal, ubicado no antigo Convento de San Domingos. O horarios das conferencias son ás 19,30 e 20,15 horas de cada un dos días, o mércores 17 e o xoves 18 de outubro.Para participar nas mesmas non é precisa a inscripción previa.