Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello organiza a xornada de estudio "O rio Miño un valor a conservar" a celebrar o vindeiro sábado 27 de outubro

23/10/2007

O CONCELLO DE TUI ORGANIZA UNHA XORNADA SOBRE “O RIO MIÑO, UN VALOR A CONSERVAR” A CELEBRAR NA NOSA CIDADE O VINDEIRO SÁBADO 27 DE OUTUBRO 

O vindeiro sábado 27 de outubro o Concello de Tui organiza unha xornada de estudio que baixo a denominación de “O río Miño, un valor a conservar” tenta realizar un achegamento á realidade natural, económica e social deste río que polos seus altos valores ecolóxicos está integrado na Rede Natura 2000 da Unión Europea. Esta actividade conta co patrocinio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. Complementariamente ao desenvolvemento desta Xornada será instalada una exposición divulgativa sobre a riqueza natural deste curso fluvial e as súas principais potencialidades. Unha exposición que poderá logo ser visitada polos grupos escolares que o soliciten acompañados dun monitor ata día 9 de novembro. 

O programa previsto é o seguinte:

-          10,00 h.: Inauguración das Xornada e da exposición sobre o rio Miño 

-          10,15 h.: “A biodiversidade do río Miño” a cargo de Fernando Martínez Freiria, biólogo, do Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes (GEAS)

 -          11,00 h.: “O Aquamuseu do Rio Minho como promotor do conhecimento e da divulgação de valores naturais” polo Profesor Carlos Antunes, director do Aquamuseu de Vilanova de Cerveira. 

-          11,45: Pausa 

-          12,15: “Usos turísticos do río Miño: recuperación de valores e efectos nas economías locais” por Xulio Pardellas de Blas profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

 -          13,00 h.: Mesa redonda: “A pesca no río Miño: unha tradición e un futuro”

o       Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade de Tui

o       José Luis Garcia Amador, Comandante Naval do Miño

o       Benito Pousa Vicente, Presidente da Asociación de Pescadores do Rio Miño

-          14,00 h.: Clausura da xornada 

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta xornada posibilitará unha posta en valor do río Miño como un dos principais recursos que posúe a nosa cidade e a súa bisbarra para o seu desenvolvemento sostible. En consecuencia, trátase de promover unha actividade que combine unha acción divulgativa da riqueza ecolóxica do río Miño, da súa ampla diversidade biolóxica, cos elementos pedagóxicos necesarios para promover entre os visitantes, tanto escolares como cidadáns adultos, elementos de educación e valores de respecto que garantan unha educación para a sustentabilidade verbo do río Miño. 

A concelleira de Medio Ambiente, María José Rosada Silva, sinalou que esta Xornada se complementa cunha exposición sobre as diversas realidades medioambientais do Río Miño elaborado por un grupo de profesionais do Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes (GEAS). Esta exposición está realizada cun marcado carácter didáctico para o seu aproveitamento posterior noutras actividades de divulgación medioambiental. Esta Xornada de estudio “O río Miño, un valor a conservar” terá lugar o vindeiro sábado 27 de outubro nas dependencias do Museo Municipal, no antigo convento de San Domingos da cidade de Tui.