Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui urxe aos propietarios de inmobles en ruínas no conxunto histórico a eliminar elementos de cuberta e fachadas que supoñan un risco e á eliminación de maleza

15/06/2021

O obxectivo é reducir a situación de risco que representan as edificacións abandonadas

O Concello de Tui ten remitido diversas ordes de execución a propietarios de inmobles en ruínas situados no conxunto histórico. O obxectivo é reducir a situación de risco que representan as edificacións abandonadas

Dende a concellería de Patrimonio entenden que un dos pasos fundamentais para revitalizar o Conxunto Histórico é reducir as edificacións en ruína ou abandonadas. Para iso están levando a cabo distintas accións.  Unha delas é a tramitación de ordes de execución. Búscase incentivar aos propietarios a mellorar a imaxe degradada das súas edificacións así como a reducir a inseguridade e insalubridade que xeran no entorno. 

Explican que en aplicación da Lei de Rehabilitación e de Rexeneración Urbana de Galicia as persoas propietarias están obrigadas á conservación e mantemento das súas propiedades, a garantir a seguridade e salubridade das mesmas, polo que dende o Concello, mediante a orde de execución, ínstanse ao propietario a eliminar elementos de cuberta e fachadas que corran o risco de provocar desprendementos á vía pública, e tamén se lles require a eliminación da maleza que na maioría das veces favorece a presenza de ratas e humidades en vivendas habitadas lindeiras.

Unha vez recibida a orde de execución, os propietarios dispoñen do prazo de 1 mes para realizar as obras urxentes requiridas. En caso de non realizarse o Concello, en base á Lei de Rehabilitación e á Lei do Solo de Galicia, poderá comezar a emitir multas coercitivas.

O concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, indica que “comezamos afrontando o problema do abandono no ámbito da Corredoira, Augusto Besada e Martínez Padín, iniciáronse uns 15 expedientes. O maior problema no procedemento é atopar aos propietarios, que moitas veces, son herdeiros de segunda ou terceira xeración. Pero os localizados están respondendo positivamente. A idea é continuar no ámbito de intramuros do Conxunto Histórico”.

Lembra tamén que outra das accións importantes para revitalizar o conxunto estanse é o programa Rexurbe que dá a oportunidade de venda destas parcelas e ruínas á Xunta de Galicia.