Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui súmase este 23 de febreiro á celebración do Día de Rosalía con diversas iniciativas en lembranza da nosa poeta máis universal

16/02/2022

Lonas con poemas de Rosalía de Castro, contacontos para o máis pequenos, e o “caldo de gloria” en varios restaurantes forman parte das actividades previstas

O Concello de Tui, a través da concellería de Cultura, promove a conmemoración o vindeiro mércores, 23 de febreiro, do “Día de Rosalía” data na que se conmemora o 185 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.

O Concello de Tui adoptou un acordo plenario no ano 2013 para a celebración anual deste evento. Dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, téñense preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán na fachada da súa sede para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.

Amais, o mércores 23 de febreiro, entre outras actividades segundo explica a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente “queremos fomentar outra  iniciativa tamén impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro e denominada o ‘Caldo de gloria’”. Trátase dunha iniciativa que xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. “Queremos que Galicia”, sinalan dende a Fundación Rosalía de Castro, ·lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este ‘caldo de gloria’ dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.

Así en Tui ofrecerán este “Caldo de Gloria” esta fin de semana o vindeiro mércores 23 diversos establecementos de restauración, en concreto:  “Restaurante O Pote” e o “Bar – Restaurante Monte Aloia” que ofrecerán este produto aos seus clientes.

Esta programación co gallo do “Día de Rosalía” complétase cunha actividade dirixida ao público infantil o propio mércores, 23 de febreiro.  Nesa data a Biblioteca Municipal acolle á 17.30 horas un contacontos denominado “Figueiriñas que prantei” a cargo da compañía “Polo correo do vento”. Para esta actividade, dirixida ao público familiar a partir dos 4 anos de idade, cómpre inscrición previa na propia Biblioteca Municipal ou a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal

Por último, lembrar que ficou adiada para o venres, 25 de marzo, ás 19.00 h no Teatro Municipal a obra teatral “Rosalía” producida por Culturativa que nos achega á infancia de Rosalía de Castro. As entradas para este evento están xa á venda en www.tui.gal.