O Concello de Tui recibiu ao campión do Mundo Sub19 de Remo Olímpico Borja Núñez
O remeiro tudense do Remo do Miño logrou o ouro mundial na localidade búlgara de Plovdiv
O remeiro tudense Borja Núñez Martínez, membro do Club Remo do Miño, foi recibido este mediodía na casa do Concello de Tui tras proclamarse na fin de semana campión do Mundo Sub19 de Remo Olímpico en Plovdiv, Bulgaria, na modalidade catro sen temoeiro. Logrou o título mundial xunto aos andaluces Juan Jesús Ortega do Club Náutico de Sevilla, Robert Privistirescu de Club Tiempo Libre El Ejido e Manuel Cruz do Real Círculo de Labradores.
Na recepción estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a alcaldesa en funcións, Ana Núñez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, os presidentes da Federación Española e Galega de Remo, Miguel Ángel Millán e José Luís Méndez, o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, xunto a outros concelleiros e concelleiras da corporación municipal, deportistas e membros da xunta directiva do Club Remo do Miño.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro dirixíndose a Borja Núñez afirmou que “que es o orgullo desta cidade” engadindo que “os triunfos saen do esforzo e do traballo persoal, das familias, dos compañeiros, do técnicos, …”. Destacou tamén a importancia do financiamento público e de poder contar cunhas infraestruturas deportivas axeitadas. Aludiu tamén que Borja Núñez é “herdeiro dos formidables deportistas que contribuíron a que o remo sexa o referente deportivo que é en Tui e en Galicia”.
A alcaldesa en funcións, Ana Núñez, alentou ao campión a “non deixar de remar polos seus soños”, ao que tempo que lle fixo entrega dun agasallo en nome do Concello. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, recoñeceu a “gran dificultade que supón conseguir un fito coma este” e agradeceu a Borja Núñez “seguir levado o nome de Tui polo mundo”.
O campión do Mundo relatou na recepción coma se desenvolveu o Campionato en Plovdiv, até na final acadar esta medalla de ouro. Explicou que este logro “pon en valor e fai que sexa significativo todo o traballo que fixen até o de agora, é un aliciente para seguir traballando” indicaba Borja Núñez.
O presidente da Federación Española de Remo, Miguel Ángel Millán, recoñeceu que ser “campión do Mundo non é doado” e animou a Borja Núñez a “seguir traballando, porque isto non remata aquí” engadindo que “agora comeza todo”. Salientou amais o labor e traballo diario do Club Remo do Miño.
Pola súa banda o presidente da Federación Galega, José Luís Méndez, emocionado, recoñecía que para el este título e esta recepción é especial porque Borja “é un remeiro do club que fundou o meu pai”. Felicitou ao club polo “bo traballo que está a realizar” marcando a liña a seguir.
Sumouse as felicitacións o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, que tamén tivo palabras de lembranza para “os compañeiros que levan anos remando con el” ao tempo que se referiu aos remeiros do Remo do Miño que “foron remeiros internacionais e foron medalla mundial coma Jacobo Moroño, María Cristina, Jesús González, José Ignacio Bugarín, e Rodrigo Conde”.
Interveu tamén o voceiro do PP, Nicolás Lorenzo, estendendo as felicitación á familia de Borja, salientando que os pais “son unha parte fundamental”. E aludía tamén a que o Remo do Miño “ten moitos referentes” a nivel deportivo.
Tui recibiu así a Borja Núñez, que non só vén de acadar o título de Campión do Mundo sub 19, senón que amais é o primeiro remeiro galego en subir ao máis alto do podio nun Mundial.





