Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui promove diversas actuacións de mellora no conxunto monumental

11/12/2011

O Concello de Tui, a través da Concellería do Conxunto Histórico, en colaboración co departamento de Obras do Concello, acometeu nas últimas semanas pequenas intervención pero de grande transcendencia para a conservación e valorización dos noso patrimonio cultural.

Por unha banda, procedeuse á instalación dun elemento de protección diante da coñecida como “vara de medir”; elemento decorativo, posiblemente do século XVI, ubicado nunha vivenda da rúa Tide, na súa confluencia con Antero Rubín, que dada a circulación de vehículos existente corría perigo de resultar afectada por algún golpe ou rozamento. Deste xeito, coa instalación desta peza, contribúese á conservación deste singular elemento decorativo popularmente identificado como o patrón da “vara de medir” ou unidade de lonxitude empregada antigamente no ámbito tudense.

Igualmente foron instalados varios pivotes diante da entrada ao adro da capela de San Telmo, para garantir a accesibilidade a esta zona monumental, pois en numerosas oportunidades o estacionamento neste lugar de vehículos impedía o acceso dos peóns a este monumento tudense.

Cabe sinalar tamén o axardinamento da zona coñecida como Túnel da Misericordia, onde foron colocadas diversas plantas ornamentais para o embelecemento desta zona histórica ao carón da Catedral. Hai un tempo tamén procedeuse ao axardinamento da zona da baixada ao Paseo Fluvial e Club Náutico onde foron colocadas tamén diversas plantas ornamentais que contribúen a mellorar este ámbito tan transitado por tudenses e visitantes.

Cómpre lembrar como no pasado verán o Concello procedeu á a limpeza de graffitis e pintadas en diversos monumentos e espazos públicos, así coma a limpeza dos muros de contención da chamada “falsa braga” na zona do Paseo Fluvial e a Concellería do Conxunto Histórico está traballando no estudo da posible consolidación do chamado “baluarte do diaño” á vista do deficiente estado de conservación e das alteracións que mostra do seu aspecto orixinario.

Con estas medidas o Concello de Tui continúa traballando de xeito continuado en mellorar as condicións do conxunto histórico da cidade, un labor que comprende, en numerosas oportunidades, pequenas intervencións como as agora enunciadas pero de relevante transcendencia para este ámbito monumental.