Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui investiu 30 mil euros de fondos propios en obras de reforma do Pavillón Deportivo Municipal Vello

14/01/2022

O alcalde e membros da corporación visitaron onte á tarde estas instalacións

O Concello de Tui vén de investir ao redor de 30 mil euros en obras de mantemento no Pavillón Deportivo Municipal Vello.  O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e outros membros da corporación municipal, visitaron onte á tarde as instalacións tras a reforma realizada. No momento da visita estaban a adestrar distintas categorías do Club Baloncesto Tui. Este é un dos clubs que adestra e compite nestas instalacións xunto a A Quinta de Tui F.S. e o C.D. Tui F.S. Deste xeito puideron comprobar as tarefas de mantemento realizadas durante os meses de novembro e decembro do ano pasado.

En concreto levouse a cabo o pintado interior das paredes e columnas, o forrado con paneis de madeira da parede lateral e frontal da pista, o pintado de varandas e chan, así como o pulido, vernizado e pintado do pavimento deportivo de madeira.

Estes labores foron realizados por persoal propio do concello e por unha empresa especializada en mantemento de pavimentos deportivos de madeira.

Con estas reformas, xunto coas xa realizadas de mellora dos vestiarios, subvencionadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e a substitución da iluminación a focos leds, realizada tamén con fondos propios do concello, quedaría unicamente o pintado exterior, así como o arranxo da fachada principal, tarefas que, en palabras do alcalde de Tui, se realizarán neste ano 2022, unha vez solicitados os permisos pertinentes.

Cómpre lembrar que esta instalación ten un elevado grao de utilización, dado que de luns a venres, de 09.30 ás 14.30 horas alberga as clases de Educación Física dos CEIPS Nº1 e Nº2 de Tui, e dende as 16.00 ata as 23.30 horas adestran nas mesmas os clubs deportivos tudenses de baloncesto e fútbol sala. Durante as fins de semana, acolle os partidos federados, chegando a disputarse máis de 10 partidos nunha mesma fin de semana en máis dunha ocasión.

Deste xeito vaise cumprindo cun dos obxectivos marcados para este mandato polo concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, coma é ter as instalacións deportivas municipais á altura dos clubs deportivos e dos deportistas tudenses.