Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui inicia o luns obras de remodelación da rúa Ordóñez

17/09/2021

Será retirada a xardineira, reubicada a estatua do Arcebispo Lago e porase en valor a muralla medieval

O Concello de Tui iniciará o próximo luns, 20 de setembro, as obras de remodelación da rúa Ordóñez. Consistirán na retirada da xardineira existente, a reubicación da estatua do Arcebispo Lago e a posta en valor da muralla medieval.

Por unha parte será demolida e retirada a xardineira, impermeabilizando a zona da fachada da vivenda existente para evitar filtracións. Nesta zona crearase unha praza de granito na que será reubicada a estatua do Arcebispo Lago, que hai xa nesta rúa. Co traslado deste monumento procederase a demoler o actual soporte de pedra da escultura co que a praza quedará toda ao mesmo nivel. 

Deste xeito porase en valor o tramo da muralla medieval nesta rúa, o máis longo que se conserva na cidade. Para iso será instalada  unha iluminación indirecta con proxectores led empotrados no chan. Amais colocaranse paneis informativos, no modelo aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio para o Conxunto Histórico, que darán conta da  importancia da muralla medieval tudense. Toda a actuación contará co pertinente control arqueolóxico. 

Coa execución destas obras amais o concello dará cumprimento a unha sentencia do Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra para evitar as filtracións de auga nunha vivenda procedentes da xardineira existente na actualidade. 

As obras foron adxudicadas á empresa SODEIN Soluciones Integrales SL.

Dende o próximo luns e durante o tempo de execución das obras haberá restricións no aparcamento nesta zona.