Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui impartirá formación en igualdade ao persoal municipal

6/11/2021

Será no marco do programa Maruxa Mallo que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra

O próximo mércores, 10 de novembro, comezará a formación ao persoal municipal do Concello de Tui en igualdade. Tanto os traballadores e traballadoras coma os concelleiros e concelleiras recibirán formación en igualdade, no marco do Programa Maruxa Mallo. A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, explica que con este programa, financiado pola Deputación de Pontevedra, o concello de Tui rende tributo á pintora surrealista galega que estivo vinculada á cidade tudense, onde pasou un tempo da súa vida.

A formación, a impartir entre o 10 de novembro e o 20 de decembro, consistirá en 12 horas repartidas en 6 días e 3 unidades didácticas. Unha centrada nas políticas de igualdade, o marco teórico principal, a lexislación vixente e a institucionalización. Unha segunda unidade versará sobre ferramentas de igualdade como accións positivas, transversalidade, enfoque de xénero e plans, programas e proxectos. A terceira unidade xirará sobre os informes de impacto de xénero na política municipal.

Este programa formativo da resposta a unha das accións contempladas no III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes con vixencia 2020-2024. Así, este Plan recolle como medida 1.2 dotar de ferramentas ao persoal do Concello de Tui para implantar a perspectiva de xénero en toda a acción municipal a través de actuacións concretas e avaliables como a elaboración de materiais internos e o deseño e impartición dun curso formativo dirixido ao persoal do Concello, técnico e político, sobre a perspectiva de xénero na política municipal e nas políticas públicas.

Con esta acción explica a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, que “o Concello de Tui da así resposta a unha importante demanda  de formación en igualdade tanto para a plantilla como para os concelleiros e concelleiras”, unha actuación que en varias ocasións teñen comentado todos os grupos municipais.