Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui forma novos profesionais para dar resposta á falta de persoal na hostalaría

16/07/2026

O Concello de Tui vén de clausurar o curso de formación en hostalaría desenvolvido no Mercado Municipal de San Antonio entre o 29 de xuño e o 15 de xullo. Esta iniciativa permitiu formar a nove persoas desempregadas co obxectivo de facilitar a súa incorporación ao mercado laboral e, ao tempo, dar resposta á demanda de persoal cualificado por parte da hostalaría da contorna.

A acción formativa, de 44 horas de duración e cun marcado carácter práctico, combinou contidos técnicos e habilidades de atención ao cliente co obxectivo de preparar ás persoas participantes para a súa incorporación inmediata ao sector. Como resultado desta iniciativa, o Concello de Tui, en colaboración con ACITUI, puxo en marcha unha bolsa de emprego que permitirá conectar ao alumnado que superou a formación coas empresas de hostalaría interesadas en incorporar profesionais aos seus cadros de persoal.

O curso contou coa participación dun equipo docente integrado por profesionais en activo de recoñecido prestixio, maioritariamente da contorna, que achegaron ao alumnado unha visión práctica e actualizada da profesión. Participaron como docentes Adrián Vila (Pancho 3.0), Marina Cruces (Asociación A Emoción dos Viños), José Manuel Martínez "Cuco" (Restaurante Benditta Locura), Susana Iglesias Costas (Susana Iglesias Coach. Formacións con Alma), Ana Concheiro Sánchez (Ana Concheiro Consultoría de RRHH e Formación) e César Nercellas (Gadepro).

Durante a formación abordáronse contidos como atención ao cliente en hostalaría, manipulación de alimentos e APPCC, servizo de barra, atención en sala e mesas, iniciación ao barismo e iniciación ao viño.

Ao acto de clausura asistiu un importante número de empresas hostaleiras locais interesadas en coñecer ás persoas participantes. Na mesma o alumnado presentouse, realizou un servizo como demostración práctica dos coñecementos adquiridos e participou nun espazo de networking no que puido establecer contacto directo co empresariado e entregar os seus currículos.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, destacou que "esta iniciativa nace cun dobre obxectivo: ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, dar resposta a unha das principais necesidades que nos trasladan os establecementos hostaleiros, que é a dificultade para atopar persoal cualificado". Engadiu que "a formación é unha ferramenta fundamental para mellorar a empregabilidade e tamén para fortalecer un sector estratéxico para a economía local como é a hostalaría".

Desde o Concello de Tui agradécese a implicación do profesorado, das empresas participantes e de ACITUI, cuxa colaboración foi clave para converter esta formación nun punto de encontro entre a oferta e a demanda de emprego, favorecendo a creación de novas oportunidades laborais.