Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui está a realizar a desmontaxe de dous inmobles en ruínas no conxunto histórico

13/04/2023

Estas semana executou a actuación na rúa Martínez Padín ante o risco de derrube do inmoble

O Concello de Tui executou esta semana o desmonte das ruínas dunha vivenda situada na rúa Martínez Padín que levaba décadas en situación de abandono. Unha empresa contratada polo Concello realizou estes traballos, que proseguirán noutro inmoble nas mesmas condicións situado na rúa Sanz. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que se trata de “dúas vivendas que levaban moitos anos en situación de abandono”, e sobre as “os informes técnicos avalaban un posible risco de derrube e polo tanto un perigo tanto para as persoas coma para o propio patrimonio”. Por este motivo dende o Concello se instruíron os oportunos expedientes para proceder a súa desmontaxe.

En ambos casos o Concello asume a execución subsidiaria ante o risco que representan xa que no caso da vivenda situada na rúa Martínez Padín descoñécense os propietarios, e no do inmoble da rúa Sanz aínda que si se coñece a propiedade esta non asumiu as obras.

Unha vez completados os traballos orzamentados en 57 mil euros, o Concello de Tui repercutirá os gastos  aos propietarios que de non ser localizados ou non facerse cargo dos mesmos abrirase outro expediente para poder embargar estes bens e sacalos subasta. En ambos casos o PECHA (Plan Especial Protección Conxunto Histórico) contempla a recuperación da edificación existente.