Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui e ACCEM asinan un convenio de colaboración

21/05/2021

Desenvolverán obradoiros de formación e sensibilización no marco dos programas Gadea e Novicom

O Concello de Tui vén de asinar, hai uns días, un convenio de colaboración con ACCEM, polo que esta organización realizará diversas actividades en Tui.

Previa á sinatura do convenio o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, as concelleiras de Igualdade, Ana Mª Núñez, e Educación, Sonsoles Vicente, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, xunto a técnicas municipais, reuníronse cos membros de ACCEM, Daniela Bóveda, responsable territorial adxunta en Galicia, Gemma Landesa, responsable do programa Gadea, e Hafdallah Menni, responsable do programa Novicom.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a gratitude do concello polo traballo que levan a cabo dende ACCEM salientando que “o voso papel é fundamental”. Indicaba que “as administracións temos o deber e a responsabilidade de estar preto da cidadanía, especialmente da máis vulnerable”. Por iso salientaba a importancia desta colaboración que agora se establece nun concello “cunha casuística particular por ser transfronteirizo e por ter unha composición moi plural”, e indicaba que en Tui “non temos problemas de convivencia pero si de integración”. Concluía desexando que a sinatura deste convenio sexa o inicio dunha frutífera colaboración.

Dende ACCEM destacaron a disposición amosada dende o concello para colaborar. Explicaron o interese de poder desenvolver a súa actividade en Tui ao ser unha cidade fronteiriza e de paso, e explicaron dous dos programa que teñen en marcha Gadea e Novicom.   En concreto a través do proxecto Gadea, financiado co % do IRPF destinado a fins sociais, prestan atención especializada no ámbito xurídico e social, a mulleres migrantes que estean en situación de vulnerabilidade.  No mesmo asesoran en temas de estranxería, permisos de residencia, reagrupamento familiar….

Por outra parte co proxecto Novicom ofrecerán información e realizarán campañas de sensibilización sobre a trata de persoas. Tamén contan cun programa de intervención directa con persoas que exercen a prostitución.

Ao abeiro desta colaboración dende ACCEM realizarán un taller formativo “Sensibilización sobre trata de seres humanos, pautas para a identificación de posibles vítimas” dirixido a persoal de Servizos Sociais, Policía Local, e persoal de atención directa….

Tamén organizarán “Dinámicas de grupo en materia de estranxeiría e trata de seres humanos” e obradoiros de formación e sensibilización en institucións educativas e co profesorado xa de cara ao próximo curso.