Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui deplora as pintadas vandálicas realizadas na rúa San Telmo

11/02/2023

Solicita a colaboración cidadá para identificar as persoas autoras dos feitos

O Concello de Tui deplora as pintadas vandálicas realizadas na noite do xoves ao venres nun tramo da rúa San Telmo, en pleno conxunto histórico de Tui, e que afectan a diversas vivendas e á igrexa de San Telmo. Este acto de incivismo non representa á nosa cidade nin aos seus cidadáns que coidan o conxunto histórico como expresión da nosa identidade, cun sentimento de orgullo polo legado recibido e que compre transmitir nas mellores condicións.

Este comportamento delitivo do autor ou autores desta incualificable agresión patrimonial non pode quedar impune, polo que dende o Concello de Tui, sinala o alcalde Enrique Cabaleiro, se solicita a colaboración cidadá para atopar aos responsables desta desfeita para que paguen os custes derivados da reparación dos danos producidos no noso patrimonio cultural e non teñan que ser asumidos con cargo aos orzamentos públicos.

O Concello de Tui mantén o seu compromiso pola conservación do conxunto histórico e asume a limpeza destas pintadas para devolver o ornato a esta rúa e aos inmobles afectados e lembra que este tipo de accións constitúen un delito contra o patrimonio histórico recollido no Código Penal e que cómpre unha decidida condena social a este vandalismo e os seus autores ou autoras.

Enrique Cabaleiro lamenta esta mostra de incivismo que atenta contra a convivencia cidadá e expresa o compromiso do Concello de Tui por lograr a identificación dos responsables destas pintadas para que asuman a responsabilidade deste atentado patrimonial e ao tempo manifesta a vontade do Concello de Tui e dos cidadáns tudenses de continuar  traballando na protección e conservación do noso patrimonio cultural, un labor que non pode quedar esmagado con estes deplorables feitos.