Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui convoca un novo concurso de debuxo escolar para elixir a Postal de Nadal 2021

10/11/2021

Poderá participar o alumnado de Primaria dos centros educativos tudenses

O Concello de Tui, a través da concellería de Ensino e Cultura, convoca  unha nova edición do concurso para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2021. Vai dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que "a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal".

Destaca que o traballo gañador deste certame será que o empregue o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente felicita á veciñanza do concello. O positivo resultado da convocatoria deste certame no pasado ano 2020 animou ao Concello, en palabras de Sonsoles Vicente, a darlle continuidade á convocatoria.

A temática deste concurso de debuxo escolar é "O Nadal en Tui". O que se pretende é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello, por tanto é obrigatorio incluír na postal algunha referencia a Tui.

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados.

Cada participante poderá presentar un único traballo orixinal e inédito con técnica libre. Establécese coma condición que o deseño non presente releves, nin purpurinas ou outro material similar para facilitar a súa reprodución impresa. Cada centro elixirá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de novembro.

Establécense tres premios:

  • 1º premio de 100€ para consumir en establecementos comerciais do municipio, un lote de pinturas, bloc e material de pintura e un lote libros, valorado en 40 euros. A obra gañadora do concurso será a postal do Nadal do Concello de Tui.
  • 2º premio de 70€ para consumir en establecementos comerciais de Tui e lote de libros
  • 3º premio de 50 € para consumir en establecementos comerciais do municipio e lote de libros