Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui conmemora este venres e sábado o CXX aniversario dos Xogos Florais de Galicia

22/06/2011

O CONCELLO DE TUI CONMEMORARÁ O CXX ANIVERSARIO DOS XOGOS FLORAIS DE GALICIA

 

O programa abangue un recital poético o vindeiro venres 24 e o banquete co mesmo menú que en 1891 a celebrar o sábado 25 de xuño

 

A concellería de cultura do Concello de Tui conmemorará o CXX aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao seren o primeiro acto público celebrado íntegramente na nosa lingua.

O programa destes actos comezará este venres 24  cun recital poético a celebrar ás 20,30 horas na Igrexa de San Domingos e que contará cun recital poético, no que participará o poeta Alfonso Pexegueiro e no que se realizará a lectura de poemas do libro “A cidade sen roupa ao sol”, de Marga do Val, en recoñecemento ao seu recente premio da critica, e contará coa actuación musical dos tudenses Fofinski & the Chinaski.

O programa continuará o sábado ás 22,00 horas no Parador de Turismo “San Telmo” que recuperá logo de cento vinte anos o menú ofrecido como acto de calusura dos Xogos Florais. Trátase dunha ampla carta, propia dos banquetes burgueses daquela época, que recupera este anaco da nosa cultura, neste caso gastronómica.

O cartel anunciador deste conmemoración do CXX aniversario dos Xogos Florais de Galicia é obra do artista e gravador Enrique Maté.

 

Alfonso Pexegueiro

Alfonso Pexegueiro (19-4-1948 Angoares-Ponteareas, Pontevedra), iniciou a súa actividade literaria en Galicia no ano 1975 coa creación do Grupo de Comunicación Poética "Rompente", salientando a publicación do seu poemario “Seraogna” (1976) como un fito na poética en galego polo seu carácter renovador. Entre 1976 e 1978 traballou na redacción da revista infantil e xuvenil Vagalume. Fundador en 1980 xunto con outros escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi o seu secretario ata xuño de 1985. Como secretario da AELG coordinou a revista Escrita e impulsou o I Congreso de Escritores en Lingua Galega, así como o Galeusca, Encontros de Escritores vascos, cataláns e galegos. Deu numerosos recitais de poesía. E colaborou en prensa con artigos de opinión, e sobre arte e literatura. Desde 1985 ata 2000 residiu en Barcelona. Actualmente reside en Galicia.

   En 1997 participou no Festival Internacional do Teatro Grec de Barcelona con Blasfemias de silencio: unha antoloxía de poemas levados á escena e recitados pola actriz Lina Lambert mais polo autor, acompañados pola arpista da Orquestra Sinfónica de Barcelona Magdalena Barrera, con dirección de Teresa Vilardell.

   En 2005 edita un CD sobre A illa das mulleres loucas (que acompaña ao libro editado por Galaxia), con música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa).

Neste último ano ten posto en marcha un espectáculo de voz, música e danza arredor do seu poemario “A illa das mulleres loucas” representado en diversas cidades de Galicia nos últimos meses.

   --------

   OBRA PUBLICADA

- [1997] Seraogna. Rompente. Pontevedra, 1976. Xerais. Vigo

- [1978] Mar e naufraxio. Cíes. Pontevedra. Premio da Crítica Galicia 1978.

- [1979] Círculos de auga. Madrid. Akal.

- [1981] Relatos para salferir. Xerais. Vigo. Llibres del Mall, 1985, co título El Desert de Nabalpam. Co mesmo título, Espiral Maior, 2003.

- [1983] O pabellón das hortensias azuis. Edición de autor. Vigo.

- [2004] A illa das mulleres loucas. Barcelona: Llibres del Mall,edición bilingüe catalán-galego, 1984, e castelán-galego, 1986. (Beca do Ministerio de Cultura, 1981). Galaxia; esta edición leva un CD, música de Anxo Pintos (Zanfona) e Quico Comesaña (arpa).

- [1988] Fantasía (extracto) del jefe de los lagartos. Carpeta en serigrafía co pintor José Freixanes. Barcelona.

- [1991] Desatinos dun maldito. Xerais. Vigo.

- [1994] El lago de las garzas azules. Lumen. Barcelona.

- [1995] ¿Serán os cisnes que volven? . Xerais. Vigo.

- [1998] Hipatia. Vigo. Xerais.

- [2000] Blasfemias de silencio (inclúe: Círculos de auga, 1979; Mar e naufraxio, 1978; O pabellón das hortensias azuis,1983; ¿Serán los cisnes que vuelven?, 1995; O reiseñor dos Balcáns, 1999). Xerais.

- [2004] Dados blancos. Caballo de Troya. Mondadori. Madrid.

- [2005] O lago das garzas azuis (Conto de Europa, Nenos de África). Xerais. Vigo. Este libro vai ilustrado con debuxos do pintor Xosé Freixanes.

 

Xogos Florais

Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado íntegramente na nosa lingua, e que organizados pola Asamblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o coengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén coengo Manuel Lago González, Juan Ávarez Cordero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete “rexionalista” ou a función solemene de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dixirxa polo mestre Manuel Martínez Posse.

 

Banquete dos Xogos Florais

A vella cidade de Tui recuperou no pasado ano a celebración do “banquete rexionalista” que tivo lugar na nosa cidade o 26 de xuño de 1891 como remate daquel acontecemento cultural.

Gracias a unha iniciativa conxunta do Parador de Turismo “San Telmo” e a Concellería de Cultura do Concello tudense pódese recuperar este banquete en homenaxe á cultura e a lingua galega que tivo lugar no Teatro Principal tudense como acto de clausura dos Xogos Florais de Galicia o 26 de xuño de 1891. Naquel banquete participaron sesenta personas e tomaron a palabra, entre outras personalidades, Enrique Lens, o poeta tudense Díaz Spuch, Manuel Lago González, Salvador Cabeza de León, o presidente da Xunta Rexionalista de Tui, Manuel Fernández Herba, xunto con Alfredo Brañas e, finalmente, Manuel Murguía.

Desta volta o 25 de xuño ás 22,00 horas coa iniciativa do Parador de Turismo “San Telmo” Tui acollerá de novo este banquete en homenaxe á cultura e á língua galega, recuperando integramente a carta daquel acto de 1891. En concreto o menu foi, e será de novo, o seguinte:

            - sopa fina

            - raxo con cogordos

            - salmón á alicantina

            - polos salteados

            - langosta á rusa

            - pastel de pichós

            - filetes á xardineira

            - helados

            - pavo con cogordos

            - budin con ron

            - pastelón á inglesa

Todo acompañado con “viño vello da terriña”, “xerés”, “campagne” e para rematar “puros da Habana”.

As personas interesadas en participar neste banquete, que será servido na modalidade de “bouffet libre”, poden retirar o correspondente convite no Parador de Turismo de Tui a un prezo de 39,00 euros, xa personalmente ou realizar a reserva a través do teléfono 986.600.300 ou do correo electrónico: tui@parador.es