Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui asina un convenio coa Dirección General de Tráfico para mellorar a seguridade vial

22/12/2011

O Concello de Tui vén de subscribir un convenio coa Dirección General de Tráfico do Ministerio do Interior para abrir un novo canle de colaboración en medidas tendentes ao incremento da seguridade vial e a prevención de accidentes de tráfico no noso concello.

En virtude do convenio asinado polo Alcalde tudense e que axiña será asinado polo Director General de Tráfico se abre unha nova etapa de colaboración entre esta institución e o Concello. Ao abeiro deste convenio a Policía Local tudense contará con novos medios para o control do tráfico e a prevención de accidentes. En concreto en datas próximas recibirá un velocímetro para o control da velocidade dos vehículos e un alcoholímetro para a realización de controis de alcoholemia dos conductores que circulen polas estradas e viais tudenses.

Pola súa banda, cando comece a aplicación deste convenio, as sancións de tráfico impostas pola Policía Local tudense terán efectividade e descontarán puntos no permiso de conducción. Pois en virtude deste acordo de cooperación a administración local se compromete a comunicar ao Rexistro de Conductores as sancións graves e moi graves que detraian puntos, tamén a comunicar ao Rexistro de Vehículos aqueles que adebeden o imposto de tracción mecánica e comunicar ao Rexistro de Víctimas y Accidentes de Tráfico os partes dos accidentes ocorridos no termino municipal-

Con estas medidas promovidas pola concellería de tráfico, que dirixe o concelleiro Ángel Gutiérrez González, a Policía Local tudense verá mellorados os seus equipamentos e a súa efectividade incrementando así o seu labor de prevención e a seguridade vial.

Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a sinatura deste convenio é un dos froitos da ultima entrevista realizada co Subdelegado do Goberno en Pontevedra e amplía o ámbito de colaboración entre os corpos de seguridade do Estado e a Policía Local. Esta nova actuación se enmarca dentro do traballo que o goberno municipal tudense ven realizando para reforzar as competencias e responsabilidades en materia de seguridade vial e control da circulación por parte da Policía Local. Unha Policía Local que verá incrementados axiña os seus efectivos coa incorporación de tres novos axentes que teñen superado o proceso selectivo de selección.