Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Dramático Galego presente o venres en Tui "Valdemuller"

27/02/2008

O Centro Dramático Galego presenta en Tui “Valdemuller”

A obra será posta en escena o venres ás 20h no Teatro Municipal Mércores, 27 de febreiro de 2008.  O Centro Dramático Galego achega este venres a Tui “Valdemuller” unha montaxe arriscada e rompedora cuns contidos que calan no máis fondo do ser humano. Trátase dun espectáculo cheo de humor e de traxedias galaicas na que está moi presente a Galicia Meiga. No mesmo mestúranse a tradición galega dos monicreques coa adolescencia, para ter coma resultado unha obra que combina realidade e imaxinación . 

Durante os 60 minutos que dura a función pasan polo escenario dezasete monicreques, de case 60cm de altura, manipulados polas actrices Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela.  O seu impecable traballo actoral xunto ao acompañamento musical eleva o ton emocional da peza até o último momento.   

Ao fronte do elenco está Pablo Vergne, que conta cunha importante traxectoria profesional coma director e manipulador de monicreques, e do que en Tui puidemos disfrutar xa coa obra infantil “El elefantito” da compañía madrileña La Canica. Os seus traballos caracterízanse por un estilo singular que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade.  “Valdemuller” é unha creación colectiva que parte do texto homónimo de Xosé A. Neira Cruz que por esta obra recibiu o Premio Barco de Vapor en 1998, tendo no seu haber outro galardóns literarios coma o Premio Merlín, non en van está considerado un dos autores de libros para público infantil e xuvenil máis relevantes do panorama galego actual. 

A obra achéganos á historia de Mina tomando coma punto de partida o seu décimo quinto aniversario no que recibe un agasallo especial. A súa curiosidade e ansia de coñecer a verdade levaraa até “Valdemuller” onde vive a súa tía avoa. Fará unha viaxe chea de aventuras e perigos na que estará presente a Galicia máxica. A representación de “Valdemuller” terá lugar o venres ás 20h no Teatro Municipal indo destinada a un público familiar a partir dos oito anos. O prezo das localidades é de 3,5€, 2,5€ con desconto, e 2€ os menores de 12 anos. 

Funcións para escolares

Amais da función para o público en xeral o CDG está a ofrecer dúas función para escolares no Teatro Municipal de Tui hoxe mércores e mañá xoves. Asisten un total de 658 alumnos do IES San Paio, o IES Francisco Sánchez, o CEIP nº2 e o Colexio Maristas de Tui, do IES de Tomiño, e do IES Carlos Casares de Salvaterra. 

Promoción do espectáculo na rúa

Co obxecto de promocionar o espectáculo deste venres un grupo de teatro de rúa percorrerá mañá ás rúas do centro da cidade achegando información sobre “Valdemuller”, coincidindo coa celebración do mercado semanal na cidade.  

Centro Dramático Galego con “Valdemuller”Data: Venres 29 ás 20h

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Prezos:  3,5€ - 2,5€ con desconto – 2€ os menores de 12 anos