Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Dramático Galego presenta o venres no Teatro Municipal "Noite de Reis"

29/11/2007

O Centro Dramático Galego presenta o venres en Tui “Noite de Reis”

Hoxe ás 11.30 e ás 12.30 haberá unha acción de difusión do espectáculo de promoción na Corredoira a cargo de Pistacatro 

Mércores, 21 de novembro de 2007. O Centro Dramático Galego chega este venres a Tui para pór en escena a súa última montaxe “Noite de Reis ou o que queirades”. A obra baseada no clásico de Shakespeare foi adaptada por Quico Cadaval que leva tamén a dirección dun magnífico elenco de actores galegos.  Esta comedia representarase ás 21h no Teatro Municipal de Tui dentro da programación que organiza a Concellería de Cultura.

Este espectáculo está a colleitar un gran éxito nas seis función que o CDG realizou até o momento, e en Tui agárdase tamén unha boa acollida por parte do público. As entradas poranse á venda ás 16.30h ao prezo de 5€, 4€ con desconto e 3€ para os menores de 12 anos. 

“Noite de Reis ou o que queirades” é unha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, dous irmáns xemelgos naufragan ante a costa de Ilíria. Ela cre que o seu irmán morreu e faise pasar por el.  Levan a escena a obra Rebeca Montero coma Violeta, Borja Fernández coma Sebastián, María Bouzas no papel de Olivia, Xosé Manuel Olveira “Pico” coma Tobías, Marcos Orsi dando vida a Malvolio, Susana Dans coma María, Marcos Correa representando a Orsino, Víctor Mosqueira coma Festas, Simone Negrín coma Antonio, e Xan Cejudo no papel de André. Xunto a eles están Bernardo Martínez, Suso Alonso, e Ramón Orencio coma músicos.  

Previo ao espectáculo que chega da man do CDG hai unha acción paralela de difusión a cargo de Pistacatro nas rúas. Así mañá ás 11.30 e ás 12.30 no Paseo da Corredoira, á carón da praza da Inmaculada haberá unha pequena montaxe móbil que busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes. “Noite de Reis ou o que queirades” foi presentada esta mañá na Casa do Concello pola directora do CDG, de Cristina Domínguez, por un dos actores, Marcos Orsi, o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez. Nesa presentación Cristina Domínguez eloxiou o traballo realizado por Quico Cadaval e polo magnífico elenco de actores galegos de “Noite de Reis”. 

Nesta obra dicía que Quico Cadaval achegou un espectáculo clásico á xente, presentando unha comedia con música italiana dos anos 50 e 60 co que o público o único que ten que facer é “sentarse e disfrutar”. Pola súa parte o actor Marcos Orsi que interpreta ao mordomo Malvolio insistía na adaptación realizada desta obra de Shakaespeare quitándolle o clasicismo e levándoa ao algo máis cercano a hoxe en día. E cualificaba o espectáculo de “moi corista, moi vivo” así coma de “fresco e directo”.  

“Tui, un exemplo para toda Galicia” 

Nesta presentación Cristina Domínguez eloxiaba a labor que se fai en Tui ao dicir que se está a facer “unha moi boa xestión da cultura e do teatro” e engadindo que a cidade “é un exemplo para toda Galicia”, polo que sempre foi unha aposta para o CDG.  Así se reflicte en que o municipio, xunto a outros dez concellos galegos, forma parte do Espazo CDG, co que dende Centro Dramático Galego, segundo sinalou a súa directora ” buscouse sistematizar a presenza do CDG nunha serie de lugares con condicións escénicas axeitadas” O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, amosábase satisfeito de que se teña elixido a Tui coma Espazo CDG entre os 365 concellos que hai en Galicia pola labor que se está a realizar no eido cultura facendo chegar o seu  agradecemento tanto ao IGAEM coma á Consellería de Cultura.  Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura, pola súa banda entende a inclusión de Tui no Espazo CDG coma un premio non só á labor do seu departamento senón a magnífica resposta do público, o que posibilitará que cheguen á cidade as tres montaxes de cada temporada do Centro Dramático Galego.  

O Centro Dramático Galego Presenta “Noite de Reis”

Lugar: Teatro Municipal, r/Colón nº2 Tui

Data: Venres 30 de novembro  ás 21.00h

Xénero: Comedia

Duración: 101 minutos

Prezo: 5€ - 4€ con desconto – 3€ para os menores de 12 anos

Retirada de localidades dende ás 16.30h

Organiza: Concellería de Cultura de Tui