Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O CCG representa en Tui “Vacuo” baixo a dirección de Maruxa Salas o venres ás 21,30 no Teatro Municipal

1/03/2007

O espectáculo dará comezo este venres ás 21.30h no Teatro Municipal
O CCG representa en Tui “Vacuo” baixo a dirección de Maruxa Salas

“Vacuo”, primeiro espectáculo do Centro Coreográfico Galego chega este venres a Tui ao abeiro da programación que organiza a Concellería de Cultura. A danza contemporánea baixo a dirección de Maruxa Salas tomará o Teatro Municipal a partir das 21.30h nun espectáculo que non deixa a ninguén indiferente e que vén precedido da magnífica resposta do público nas sete representacións realizadas dende a súa estrea en xaneiro.

“Vacuo” foi presentada esta mañá no recinto da vella Ponte Internacional Tui-Valença e na antiga Alfándega, onde tanto a directora da compañía, Maruxa Salas, coma o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, fixeron unha invitación ao público a asistir ao espectáculo este venres. A desta mañá non foi unha presentación ao uso, senón que se buscou un lugar emblemático e singular para que a danza falase por si mesma ao través dos bailaríns que integran a compañía e que realizaron unha coreografía na propia ponte e logo fronte a antiga Alfándega ao compás da música dos Berrogüeto. O espectáculo sorprendeu aos condutores e peóns que a esa hora cruzaban a ponte e que atoparon convertida nun escenario de danza. En ningún momento se interrompeu o tráfico e os propios vehículos foron un elemento máis da coreografía. Ao tempo repartíronse pequenos cartaces de “Vacuo” para convidar ao espectáculo deste venres.

“Vacuo” é unha obra interdisciplinar para quince bailaríns, integrada por catro fragmentos coreográficos cunha duración total de 60 minutos. Maruxa Salas explicaba que o espectáculo reflexiona sobre a importancia das pequenas cousas da vida cotiá, co obxectivo de “non deixar de vivir” engadindo que “Vacuo é un punto de encontro entre moita xente, moitos artistas, con moita ilusión e moitas gañas”. No mesmo dicía “fago unha metáfora entre a degradación da natureza e as persoas, porque creo que a natureza que queda sen cor é un pouco o reflexo de nós mesmos, por iso ás veces temos que pararnos a pensar e seguir”. E concluía indicando que o espazo Vacuo é “onde no baleiro está todo, onde comeza todo”. Deste xeito “Vacuo” é un punto de partida pero ao tempo un lugar de encontro ao través da danza.

A representación de “Vacuo” dará comezo este venres ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui. As entradas poranse á venda ao prezo de 4,5€, 3,5€ con desconto, e 2,5€ para os menores de 12 anos dende ás 16.30h.

O Centro Coreográfico Galego con “Vacuo”
Lugar:Teatro Municipal da Área Panorámica
Data e hora: Venres 2 ás 21.30h
Prezo: 4,5€, 3,5€ con desconto, 2,5€ menores de 12 anos
Venda de Localidades: Dende ás 16.30h na billeteira da Área Panorámica

Maruxa Salas dirixe xunto a Iván Pérez o proxecto Neodans. Licenciada en Danza –especialidade de Coreografía e Técnicas de Interpretación– polo Instituto Superior de Danza Alicia Alonso de Madrid, onde foi galardoada co Premio de Composición Coreográfica 2004, cursou tamén a carreira de Ballet Clásico da Royal Academy of Dancing de Londres e do Conservatorio Profesional de Danza de Madrid. En 2002 obtivo unha bolsa da SGAE para perfeccionar a súa formación no Ballet Nacional de Cuba, onde dous anos despois traballou como coreógrafa convidada.

En 2001 presentou en Madrid e na Habana unha das súas primeiras creacións, Per Loca Marítima, pola que recibiu o Premio Especial Teatro de Madrid e o primeiro premio no Certamen de Jóvenes Creadores. En 2003 foi recoñecida co primeiro premio no II Certamen Internacional de Coreografía Burgos-New York por Minube, programada polo Korzo Theater (Holanda) e escenificada tamén en diferentes espazos de España e Cuba. Didenoi é o título dunha das súas últimas propostas, que o Ballet Nacional de Cuba incorporou ao seu repertorio e coa que obtivo diferentes galardóns: segundo premio no IV Certamen Burgos-New York (2005), terceiro premio e premio á bailarina sobresaínte no III Certame de Creación Coreográfica de Galicia (2005), convocado polo IGAEM, e mención especial no Concurso Iberoamericano de Coreografía (CIC 04) da SGAE. En 2003 actuou no Holland Dance Festival como bailarina solista de Orlando, de T. Stuart.

Bolseira da Fundación Alicia Alonso, entre 1998 e 2002 participou en diferentes producións do Joven Ballet de Cámara de Madrid. De 1995 a 2000 tamén foi bolseira da escola África Guzmán de Madrid, traballando como bailarina solista e coreógrafa.

Equipo artístico
Coreógrafa: Maruxa Salas
Asistente de Dirección e Coreografía: Erick Patrith Jiménez Vindas
Asistente e Repetidor: Igor Goyena Mediavilla
Bailaríns: María Pilar Abaurrea, Pablo Aradillas, Lorena Ballesteros, Elena Conesa, Alexis Fernández (Maca), Carmela García, Miguel Ángel Llorenç, Kirenia Martínez, Cristina Miralles, Gustavo Muñiz, Amparo Novas, Matilde Pedreira, Ana Beatriz Pérez, Caterina Varela, Iván Villar
Espazo escénico e iluminación: Baltasar Patiño
Espazo sonoro e música: Berrogüetto
Vestiario: Ruth Díaz
Pezas audiovisuais: Adriana Domínguez

Máis información en www.vacuo.es