Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Camiño Portugués consolida o seu crecemento e reafirma a Tui coma motor turístico e económico da peregrinación xacobea

4/06/2026

A dimensión internacional desta ruta queda reflectida na procedencia doutros países do 82% dos peregrinos

O Camiño Portugués continúa a súa senda de crecemento e consolidación como unha das grandes rutas xacobeas internacionais. Durante o pasado mes de maio, 16.737 peregrinos percorreron esta vía de peregrinación, o que representa un incremento do 13% respecto ao mesmo período de 2025, segundo os datos publicados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago.

Nun contexto de forte dinamismo do fenómeno xacobeo, o Camiño Portugués concentrou o 20,96% dos 80.059 peregrinos que chegaron a Santiago de Compostela durante o mes de maio, confirmando o seu papel estratéxico dentro da rede de itinerarios xacobeos.

A dimensión internacional desta ruta queda especialmente reflectida na procedencia dos seus camiñantes. O 82% dos peregrinos que escolleron o Camiño Portugués eran estranxeiros, mentres que só o 18% procedían de distintas comunidades autónomas españolas. Estados Unidos, Italia, Alemaña, Brasil e Portugal sitúanse entre os principais puntos de orixe internacional, o que evidencia a crecente proxección internacional desta ruta e a súa capacidade para atraer visitantes de alto valor turístico.

Neste escenario, Tui continúa a desempeñar un papel protagonista como porta histórica de entrada a Galicia. Durante o mes de maio, 5.065 peregrinos iniciaron a súa peregrinación na cidade tudense, converténdoa no quinto punto de partida máis utilizado entre todos os Camiños de Santiago. No acumulado anual, Tui consolídase como o segundo lugar de inicio máis escollido por peregrinos de todo o mundo, con 10.994 persoas, só por detrás de Sarria no Camiño Francés.

A concelleira de Turismo, Ana María Núñez Álvarez, destaca que “estes datos confirman a excelente saúde do Camiño Portugués e a súa importancia para o presente e o futuro económico de Tui. A peregrinación converteuse nun dos principais motores da actividade turística local, xerando oportunidades para os establecementos hostaleiros, o comercio, os servizos turísticos e o conxunto do tecido empresarial da nosa cidade”.

A responsable municipal subliña ademais que “o crecemento sostido do número de peregrinos e a elevada presenza de visitantes internacionais reforzan a posición de Tui como un destino turístico de referencia no contexto europeo, cun enorme potencial para seguir xerando riqueza, emprego e desenvolvemento económico de forma sostible”.

O Concello de Tui reitera o seu compromiso coa mellora continua da experiencia dos peregrinos e coa colaboración activa coas administracións e entidades implicadas na xestión do Camiño de Santiago, co obxectivo de incrementar a calidade da acollida e fortalecer o posicionamento da cidade como referente da peregrinación internacional.

Ao mesmo tempo, desde o Concello insístese na necesidade de avanzar cara a unha medición máis completa e precisa dos fluxos de peregrinación, xa que os datos oficiais non inclúen a totalidade dos peregrinos que realizan o trazado oficial do Caminho Português da Costa a través de Vilanova de Cerveira. As estimacións municipais apuntan a que, de seren contabilizados, os rexistros asociados á entrada de peregrinos por Tui incrementaríanse de maneira moi significativa, reforzando aínda máis o liderado da cidade como principal porta de entrada dos Camiños Portugueses en Galicia.

Os datos coñecidos este mes constitúen unha nova mostra da fortaleza dunha ruta que segue gañando relevancia ano tras ano e que sitúa a Tui nunha posición privilexiada para aproveitar as oportunidades económicas, culturais e turísticas que xera o fenómeno xacobeo.