Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Arquivo Municipal actualiza os seus fondos que acadan xa os 28.242 rexistros

22/10/2007

 O ARQUIVO MUNICIPAL DE TUI, COA COLABORACIÓN DO SERVIZO TÉCNICO DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DA DEPUTACIÓN, ACTUALIZA OS SEUS FONDOS QUE ACADAN XA OS 28.242 REXISTROS 

Luns 23 de outubro. O Arquivo Municipal do Concello de Tui, coa colaboración do Servizo Técnico do Patrimonio Documental da Deputación Provincial de Pontevedra, acaba de rematar un proceso de actualización dos instrumentos de descrición referidos á documentación transferida no último ano dende as propias oficinas xestoras ao arquivo municipal de Tui, situado na planta baixa da casa do concello.  

Estes traballos desenvolvidos nos últimos meses polos responsables do arquivo municipal tudense Rafael Sánchez Bargiela e María Dolores Martínez Gamallo, supuxeron a incorporación de 184 novas unidades de instalación e 23 metros lineais de documentación, que corresponde ao último ano, que veñen de ser revisadas e incorporadas os instrumentos de descrición, actualizando a información que deste arquivo se ofrece dende a páxina web da Deputación Provincial de Pontevedra: http://www.depontevedra.es/?1,9764 

Esta actuación enmárcase dentro dun proceso de asistencia técnica permanente aos concellos dende o Servizo provincial en materia de patrimonio documental, que no caso concreto do arquivo municipal de Tui se iniciou en 1985 e se desenvolveu en sucesivas fases de profundización informativa e de actualización e informatización nos anos 1986,1987, 2005, 2006 e 2007.  

O resultado vén ser un conxunto documental organizado, debidamente instalado, de fácil manexo e consulta e de conservación garantida, composto por un total de 4.347 unidades de instalación, con documentación principalmente do século vinte, con datas extremas que van de 1789 ata o 2007.  Dispón o arquivo dos instrumentos suficiente para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por 28.242 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.