Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui membro do Consello Director de Unimiño

17/01/2012

 

O ALCALDE DE TUI MEMBRO DO CONSELLO DIRECTOR DE UNIMIÑO

 

Martes, 17 de xaneiro de 2012. O alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, vén de incorporarse recentemente como novo membro do Consello Director de Unimiño, en representación dos concellos do sur de Pontevedra. Unimiño ou Asociación do Val do Miño Tranfronteirizo é un agrupamento de cooperación de carácter transfronteirizo constituído pola Comunidade Intermunicipal Vale do Minho de Portugal e a Deputación Provincial de Pontevedra.

 

“Facer dos concellos do río Miño unha referencia a nivel europeo, no desenvolvemento local a través da cooperación, pública e privada, da valorización dos recursos naturais e culturais propios deste espazo territorial, da promoción da vocación turística do territorio, da utilización intensiva das tecnoloxías de información e da innovación como catalizadores dos procesos de desenvolvemento” son as principais finalidades desta agrupación de cooperación.

 

O territorio de intervención de Uniminho forma parte da Euro-Rexión Norte de Portugal/Galicia e comprende 21 municipios: Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira, que integran a Comunidade Intermunicipal do Vale do Minho e Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, A Guarda, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Oia, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Tomiño e Tui xunto á Deputación Provincial de Pontevedra como organismo integrador destes concellos galegos.

 

A designación de Moisés Rodríguez Pérez como novo membro do Comité Executivo de Unimiño testemuña o importante papel que o municipio tudense xoga no proceso de integración e cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal. Unimiño está traballando nos últimos tempos na elaboración de propostas de cooperación e integración.

 

Así hai unhas semanas entregouse na Xunta de Galicia un informe sobre a “Rede de Referenciação em Serviços de Saúde no Vale do Minho Transfronteiriço” elaborado no ámbito do proxecto CoopMinho, co-financiado polo POCTEP, co obxectivo de satisfacer as necesidades das poboacións en materia de saúde. Ao abeiro deste mesmo proxecto CoopMinho foi tamén entregada recentemente unha proposta de “Plano de Transportes Públicos no Vale do Minho Transfronteiriço” co obxectivo de crear un servizo de transporte público por estrada de carácter transfronteirizo.

 

A presenza do rexedor tudense nos órganos de dirección de Unimiño contribuirá á consolidación  da Eurocidade Tui – Valença como principal referencia da cooperación tranfronteiriza.