Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui asiste á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

24/06/2022

Será este domingo na Catedral de Lugo

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, asistirá este domingo na cidade de Lugo aos actos da  Ofrenda do Antigo Reino de Galicia á Xesús Sacramentado que terá lugar na catedral daquela cidade.

Anualmente, o domingo seguinte ao do Corpus Christi ten lugar este acto institucional e relixioso centenario no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aqueles cumpren co voto solemne que fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.

Desde 1925 ata os nosos días celébrase o rito da Ofrenda do mesmo xeito nunha misa solemne: por quendas rotatorias anuais, os mandatarios municipais das sete cidades do Antigo Reino de Galicia (o alcalde de cada cidade ou un delegado ou representante seu) presenta a Ofrenda. Entre as tradicións litúrxicas, unha banda de gaiteiros interpreta a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia, con gaitas en tres tonalidades e percusión.

Esta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é a tradición institucional máis antiga que se conserva en Galicia como símbolo da nosa identidade e condición colectiva do noso país.

Para o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, este acto ten un alto valor simbólico polo seu carácter municipalista e polo valor patrimonial que posúe esta tradición que conta con mais de 350 anos de existencia continuada.