Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Novo recoñecemento xudicial á legalidade da actuación do Concello de Tui

11/01/2012

NOVO RECOÑECEMENTO XUDICIAL Á LEGALIDADE DA ACTUACIÓN DO CONCELLO DE TUI

O TSXG desestima un novo recurso da Asociación Arcebispo Lago

 

Martes, 10 de xaneiro de 2012. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en sentenza de data 7 de decembro pasado declara a inadmisibilidade do recurso Contencioso Administrativo  presentado pola Asociación Cultural  “Arcebispo Lago” contra a desestimación polo Concello de Tui do recurso de reposición que previamente interpuxeran contra o Acordo do Pleno Municipal  de 31 de xullo de 2008, polo  que se integraron ao documento do Plan Xeral tudense as observacións vinculantes da Consellería de Ordenación do Territorio. Sostiña dita Asociación que na votación dese acordo plenario (fase de trámite de formación do Plan Xeral), deberían absterse o anterior e o actual alcalde, pola súa relación  e intereses con propiedades afectadas, e que as súas intervencións invalidaban o Acto municipal,  comportando  a nulidade do plan xeral.    

 

O alto tribunal da a razón ao Concello tudense cando rexeitou o primeiro recurso da asociación demandante ao entender que tratase dun acto de trámite no proceso de elaboración do planeamento que non finaliza o procedemento de tramitación.

 

Esta sentenza, sinala o alcalde tudense, é altamente satisfactoria por dous motivos fundamentais. Por unha banda,  porque unha vez mais os Tribunais, neste caso o mais Alto Tribunal de Galicia, recoñecen o bo facer e funcionamento municipal, pois na devandita Sentenza recóllense e aceptan, facéndoos seus, os argumentos de Dereito expostos por este Concello; e, en segundo lugar, evítanse os graves e irreparables prexuízos económicos e sociais que, de ser estimada a demanda, suporían para todos os tudenses, ao atrasar a aprobación do actual e vixente Plan Xeral de Ordenación .

 

Unha  vez máis, demóstrase que esta e outras denuncias presentadas polo devandito colectivo contra o Concello, e especialmente contra o seu alcalde, equipo de goberno e técnicos municipais son denuncias sen motivación nin argumentación algunha, co único obxecto e evidente intención de paralizar o funcionamento municipal, e que sistematicamente os Tribunais veñen resolvendo a favor do Concello.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, insiste en que esta nova decisión xudicial patentiza, nunha nova oportunidade, a legalidade dos procedementos levados adiante polo Concello de Tui fronte aos infundios que esta Asociación promove no seu irresponsable afán de cuestionar permanentemente a legalidade da actividade municipal tudense. Moisés Rodríguez lamenta moito máis que o dano persoal que estas infundadas acusacións realizan o dano que esta permanente sementeira de dúbidas sobre a vida municipal tudense ocasiona na imaxe institucional da cidade. Remata sinalando que aínda que a xustiza coloca a cada quen no seu lugar este dano é irreparable; xudicializar deste xeito a vida política tudense, aínda que sexa un dereito que temos de respectar, non aporta beneficio algún á nosa cidade.